Barreiros, 7 de agosto de 2014. O Eido Dourado continúa o vindeiro domingo, 10 de agosto, co seu ciclo estival Concertos ó solpor. Nesta ocasión, o músico angolano Alberto Mvundi será o encargado de ofrecer un concerto baseado nos ritmos africanos, a partir das dez e media da noite, nos xardíns deste espazo artístico barreirense. A entrada será, coma ven sendo habitual, libre e gratuíta ata completar aforo.
Celso Dourado, responsable do Eido Dourado, adiantou que “este vindeiro domingo imos contar coa presenza de Alberto Mvundi, que é un dos xenuínos representantes da música da lusofonía. Trátase dun angolano que se moveu e se move por distintos países de África e tamén por España e Europa e recolle ritmos de todo tipo para mesturalos coa música do seu lugar de orixe, que é Angola”. Dourado destacou que “é realmente un cantautor tremendamente interesante, co que logrei poñerme en contacto a principios do verán, e que finalmente o imos ter aquí este vindeiro domingo a partir das 22:30 horas nos xardíns do Eido Dourado formando parte do ciclo Concertos ó solpor”.
O artista barreirense recordou que “dende Eido Dourado sempre procuramos mesturar distintas músicas que nos digan algo. O domingo pasado tivemos flamenco feito en Galicia, e agora temos os ritmos angolanos de Alberto Mvundi”. Dourado definiu o concerto do vindeiro domingo coma “unha oportunidade que brinda o Eido a aquelas persoas que queiran escoitar a un gran cantautor, a un gran músico e aos ritmos da súa terra natal de Angola”.
Celso Dourado lembrou que coma xa ven sendo habitual en concertos anteriores “a entrada será libre e gratuíta ata cubrir aforo”. Se ven, o artista recomendou ós interesados que acudan con tempo aos xardíns do Eido para evitar quedar sen poder gozar deste concerto.