Ribadeo, 13 de agosto de 2014. O Club de Piragüismo Altruán organiza por noveno ano a Concentración de kaiak de mar Praia das Catedrais. O evento terá lugar o vindeiro fin de semana. As inscricións poden realizarse este xoves, 14 de agosto. A cita conta xa con máis de 30 inscritos e dende a organización móstranse convencidos en chegar a superar os 50 participantes, mellorando así os datos de asistencia de anos anteriores. A cita contará por segundo ano consecutivo cun programa dividido en dúas rutas: unha doméstica, pola propia ría de Ribadeo para persoas non expertas e outra de nivel profesional. Esta sairá o sábado 16 da praia asturiana de Pormenande e chegará ata Ribadeo. Dende este concello partirá o domingo 17 cara a Foz.
Vicente Castro, concelleiro de Deportes de Ribadeo, destacou que “a colaboración entre o Concello e o Club Altruán ven sendo nestes últimos anos permanente tanto nos eventos que organiza o club, coma na implicación que este ten nas escolas deportivas municipais. Os deportes náuticos tanto na ría, coma na costa de Ribadeo, son un dos atractivos do verán e unha maneira de potenciar turísticamente o noso concello, ademais de manifestar o seu interese como municipio punteiro en deportes acuáticos”. Castro afirmou que “tecnicamente trátase dunha proba que ten carácter lúdico deportivo e recorre a costa de Ribadeo e parte de Asturias, Barreiros e Foz. Dende o Concello colaboramos aportando infraestrutura de diversa índole para que pasen a noite os participantes e tamén no que a trofeos se refire, ademais do apoio económico dentro do concurso de subvencións que se saca anualmente a través do Concello de Ribadeo”. O edil nacionalista mostrou o seu desexo de que a proba se prolongue no tempo e asegurou que “agardamos que permaneza no futuro e chegue incluso á súa 50 edición”.
Pola súa parte, José Ángel Fernández, presidente do Club de Piragüismo Altruán, mostrouse moi agradecido co “apoio incondicional do Concello” e salientou que a proba que xa vai pola súa novena edición “non só se está consolidando, senón que está a converterse nun referente nas concentracións de kaiak de mar de navegación oceánica que hai neste momento xa non só no Cantábrico norte, senón en toda a península. Neste momento temos máis de 30 inscricións con xente que ven dende o Mediterráneo, xa que o boca a boca funciona moi ben, e ademais hai xente que repite coma os nosos amigos de Santander que veñen por cuarta vez. Esperamos chegar ás 50 inscricións superando os datos de participación de anos pasados e intuímos nesta disciplina do kaiak de mar un gran potencial de desenrolo nos vindeiros 10 anos por parte do Club de Piragüismo Altruán”.