Ribadeo, 12 de setembro de 2014.- A CIG-Ensino apoia as reivindicacións das Anpas do IES de Alfoz e do Ceip Vicente Casabella de Ourol na que demandan da Consellaría de Educación máis profesorado para atender as necesidades do alumnado dos respectivos centros. Así mesmo, a CIG apoia a concentración convocada polos pais e nais do IES de Alfoz este domingo en demanda de especialistas para os seus fillos e fillas.
Xa noutros anos, a CIG ten denunciado da falta de especialistas no IES de Alfoz (en concreto o profesor de Matemáticas) e demandado a cobertura desas prazas para que non exista unha agravio comparativo para o alumnado deste centro con respecto a outros da comarca. Non ten explicación que alomenos a praza de Matemáticas non fora cuberta cando os informes da Inspección Educativa eran favorables e había un compromiso por parte da Delegación de cubrila.
O caso de Ourol é sintomático da pouca atención e interese de Educación por manter o ensino no medio rural e de cómo pouco a pouco foi eliminando as escolas rurais que existían. Non é razoable nin pedagoxicamente admisible que unha soa profesora atenda 6 cursos de escolares que van desde os 3 aos 6 anos, todos na mesma aula. A decisión neste caso aínda se entende menos cando o centro ten o mesmo número de alumnos que o ano pasado, entrando 3 novos en infantil que son os que máis atención necesitan.
Estes dous casos son unha mostra máis da política educativa levada a cabo estes últimos anos polo PP na Xunta de Galiza que representou o desmantelamento paulatino dos centros educativos do rural galego, o abandono do ensino público en beneficio do privado concertado (supresión de 63 unidades no ensino público mentres se concertan 79 unidades novas no privado concertado), redución de profesorado (3.000 profesores menos nos últimos 5 anos), masificación das aulas, maior precarización e inestabilidade do profesorado, marxinación do noso idioma e empeoramento da calidade do ensino.
Desde a CIG Ensino demandamos da Consellaría de Educación unha actitude máis dialogante para chegar a unha solución que satisfaga a todos pero sobre todo á educación dos nenos e nenas afectados.
Dores Fernández Abel
Secretaria da CIG-Ensino da Mariña.