Cervo (Lugo), 12 de setembro de 2014.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, demandou este venres que “se poñan en coñecemento das autoridades xudiciais e corpos de seguridade todas as situacións de maltrato” para poder actuar así para atallar casos de violencia de xénero e demandou que “non se ceda nin un só milímetro”, tanto por parte das autoridades competentes na súa loita, como por parte das vítimas para dar pé ao desánimo ou a resignación.
A delegada fixo esta reflexión durante un acto contra a violencia de xénero organizado no Concello de Cervo, que durante estas semanas está a celebrar o Mes da Igualdade. A delegada encargouse de ler un manifesto no que subliñaba a gravidade deste problema que leva causado a morte de 970 mulleres en España dende 1999.
“No que vai de 2014 compútanse 41 vítimas mortais no Estado, seis delas en Galicia. E 24 menores quedaron orfos e orfas por esta causa. Cifras arrepiantes que nos revelan a envergadura dun problema social de gran magnitude”, afirmou Arias.
Na orixe desta situación, indicou, está o feito de que “a lei garante unha igualdade que a realidade nega reiteradamente”. Ao respecto, apuntou, “precisamos urxentemente un cambio de mentalidade, porque as leis, decretos e plans de apoio son importantes; pero sobre todo o fundamental é a educación. Ás novas xeracións educámolas entre todos, e corremos o perigo de persistir nos erros que nos conduciron á situación actual”.
En todo caso, reiterou que existe unha rede de apoio ás vítimas que sustentan institucións e organizacións sociais que “realiza un traballo inestimable, os 365 días, que ten permitido a moitas mulleres saír do círculo da violencia e encarar unha etapa de esperanza”. Neste sentido, a delegada reiterou que é preciso reforzar ese traballo conxunto da rede institución, xudicatura, corpos de seguridade e asociacións para poder acabar con este problema.