Santiago, 24 de setembro de 2014.- As descargas de bonito nos portos galegos aumentaron en 2014 preto dun 45% e a súa facturación medrou nun 21% con respecto á media dos últimos 5 anos. Así o trasladou esta tarde no Parlamento a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana. En comparación co ano pasado, a titular de Medio Rural e Mar explicou que as descargas deste túnido nos portos da nosa comunidade incrementáronse nun 22%, ata acadar a cifra de 3.232 toneladas alixadas, incrementándose tamén a cifra de facturación en case un 7%.
Rosa Quintana sinalou que na campaña do bonito a frota descarga a práctica totalidade das capturas nos portos galegos, concentrándose a actividade comercializadora entre os portos de Burela e da Coruña, que acumulan o 60% e o 30% das vendas respectivamente. Así, e á vista dos datos, a conselleira trasladou que “está a ser unha costeira netamente positiva que volveu marcar unha alternativa rendible e positiva para a nosa frota”.
A conselleira dixo que a costeira do bonito é unha das actividades pesqueiras máis vantaxosas para o noso sector. Así, lembrou que se trata dunha actividade plenamente sustentable, rendible, respectuosa e selectiva, porque cada bonito se pesca de xeito individual con anzol. Así mesmo, explicou que se trata dunha pesquería exemplo de diversificación, ao permitir que os buques racionalicen o consumo de cotas doutras especies.
Mortalidade do berberecho
Por outra parte, a conselleira explicou, en resposta a unha pregunta sobre esta cuestión, que a Xunta está avaliando por parte dos seus técnicos e científicos a mortalidade de berberecho nas rías galegas, especialmente na de Arousa.
Rosa Quintana pediu que se deixe traballar aos técnicos antes de tirar conclusións sobre as causas deste episodio e insistiu en que a Xunta está a informar puntualmente ao sector sobre esta problemática, ademais de facelo a través da web do Intecmar. Neste sentido, relatou –con datas concretas– diferentes encontros mantidos por este tema con responsables das confrarías galegas desde o ano 2012.
A conselleira lembrou tamén que nos últimos dous invernos incrementouse a existencia de fenómenos adversos meteorolóxicos con fortes precipitacións que provocaron consecuencias negativas para os bivalvos que viven preto das desembocaduras dos ríos, como é o caso do berberecho.