O Burela Pescados Rubén vendeu moi cara a súa derrota ante o Inter Movistar que tivo que agarrarse a unha xenialidade de Ricardinho para lograr a vitoria en Vista Alegre. O conxunto mariñán caeu nesta primeira xornada pero deixou unha gran imaxe plantando batalla ao actual campión de Liga.
O encontro comezou cun Inter moi enchufado que obrigou aos laranxas a replegarse máis do desexado aínda que, aos poucos, e sen sufrir en exceso o perigo interista foise soltando máis a escuadra local. Edu desbaratou os primeiros avisos do campión e a resposta laranxa chegou a través dunha boa ocasión de Matamoros que non logrou afinar o seu disparo. O control do partido foise igualando e o Burela Pescados Rubén soltaba algún zarpazo pero no último minuto emerxeu a figura de Ricardinho. O portugués armou a toda velocidade a súa zurda e cun disparo seco bateu a meta laranxa xusto antes do descanso.
Na continuación, os bureleses mantiveron o pulso ao campión , que non lograba aumentar a súa renda, tivo tres disparos ao pao, e en varias ocasións Jesús Herrero evitou o empate local. No tramo final, os interistas lograron evitar o empuxe final do Burela Peixes Rubén a base de posesións longas pero aínda así apareceu a oportunidade final nun contragolpe levado por Carlitos e tras un rexeite Isi non logrou conectar con precisión o remate que se foi alto. Triunfo do Inter Movistar pola mínima (0-1) ante un gran Burela Peixes Rubén que se marchou ovacionado polo seu público.
Ficha técnica
Burela Pescados Rubén: Edu, Antoñito, Iago Míguez, Matamoros, Isi – cinco inicial- Bellvert, Miguel, Helder, Carlitos.
Inter Movistar: Jesús Herrero, Ortiz, Rafael, Orzaez, Ricardinho – cinco inicial- Lolo, Rivillos, Borja, David Pazos,
Goles: 0-1, m.19, Ricardinho.
Árbitros: Cid Bragado, Martínez Torres. Colexio galego. Cartón amarelo a Isi, Matamoros e Bellvert.
Incidencias: Partido correspondente á Primeira División da Liga Nacional de Fútbol Sala, disputado no pavilón Vista Alegre de Burela. 1000 espectadores.
*Foto: de Marián García Mesa.