Foz, a 27 de setembro de 2014.- O BNG de Foz sacou adiante as mocións que levou a Pleno exceptuando a que solicitaba que o Concello de Foz se rexistrara e activara o seu enderezo .gal antes de novembro, que é o prazo que se establece na fase de lanzamento.
O BNG non entende porque o PP e UNIFOZ votaron en contra e cúlpaos de impedir que o Concello de Foz sexa uns dos pioneiros neste acontecemento histórico polo que representa ao situar a nosa cultura e a nosa lingua na rede de internet e facernos máis visibles nese mundo global. Menos aínda o entendemos cando supón economicamente só 50 euros ao ano e cando o Parlamento de Galiza por unanimidade dos partidos representados na Cámara ten feito unha declaración institucional na que recoñece o logro do dominio e a súa importancia para o desenvolvemento non só da nosa lingua senón tamén doutros ámbitos como o das empresas ou asociacións de todo tipo. A propia Real Academia Galega mostrou sempre o seu apoio a esta iniciativa en Internet.
Unha das mocións do BNG aprobada foi a que se opuña ao canon bibliotecario que grava aos e ás usuarias das bibliotecas públicas así como ás bibliotecas municipais á hora de mercar libros de lectura e de préstamo. Outra das mocións aprobadas foi a moción que se opón á reforma electoral formulada polo Partido Popular que só lle beneficiaría a el e que ten como finalidade que teña a alcaldía a lista máis votada vulnerando a expresión do pluralismo político e a capacidade de participación e control da xestión pública municipal. Neste punto entrouse nun debate que o PP coma sempre desvirtuou, achacando a ingobernabilidade do Concello á oposición cando é o principal responsable de que o Concello estea na situación de parálise e de caos no que está. “Un mal gobernante será sempre o culpable da falta de goberno ou dun mal goberno. Botarlle a culpa aos outros ou a factores externos sempre é e será mostra de incapacidade propia” asevera Xan Carlos González Basanta, portavoz municipal do BNG.
Finalmente aprobouse a moción do BNG na que instaba á Consellaría de Medio Rural a que nos orzamentos da Xunta de Galiza de 2015 se dote unha partida orzamentaria para a condonación das débedas dos montes de man común consorciados porque o PP pretende coa nova lei usurpar estes montes á veciñanza para entregarllos regalados ás empresas privadas forestais, particularmente ás sociedades de fomento forestal.
Xan Carlos González Basanta
Portavoz municipal do BNG