O Partido Popular de Viveiro organiza a presentación do libro Manuel Fraga, un gallego cubano. Fidel Castro, un cubano gallego (Éride Ediciones).
O acto terá lugar este venres 26 de setembro ás 20.00 horas no Casino Club Nautico de Viveiro e nel intervirá o seu autor, o escritor cubano Miguel Ángel Alvelo Céspedes, acompañado do Presidente local Antonio Bouza e o deputado e concelleiro en Viveiro, Jaime de Olano. Na presentación do libro tamén se proxectarán imaxes das visitas de Fraga a Cuba no 1991 e 1998, así coma da viaxe de Fidel Castro a Galicia no 1992.
Trátase dun acto cultural ó que o Partido Popular de Viveiro invita a acudir a todos os que o desexen. Hai que lembrar que o prólogo deste libro foi escrito polo Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, e que se trata dunha visión humana, histórica e cultural de dous personaxes de gran relevancia política, que desde planteamentos moi diferentes e ideas políticas moi diferentes, souberon loitar por un interese común, o dos galegos e galegas residentes en Cuba, de tal xeito que a súa acción conxunta provoca que na actualidade preto de 7.000 galegos que viven en Cuba se beneficien dalgún programa de axuda da Xunta de Galicia.