Os catro concelleiros que pasaron a formar parte como independentes -Ramón Sixto Legaspi, Enrique Cotarelo García, Ana Villarino Alonso e Manuel Casabella Otero- e que seguen a ser representados polo seu voceiro Ramón Sixto no Concello de Foz, queren denunciar a falta de compromiso adquirido do Equipo de Goberno do Partido Popular ante o Pleno Municipal.
Refírense en concreto a unha pregunta formulada por este grupo no pleno do mes de Xuño onde se lle preguntaba ao alcalde cando tiñan pensado limpar os colectores do lixo “contestándonos que se estaban a limpar os do casco urbano e a continuación seguirían cos do medio rural”.
“A día de hoxe e pasado o verán estes seguen igual, pero co agravante de que o cheiro xa se fai en algúns casos insoportable e insalubre, e para colmo de males o camión que recolle o lixo atópase nun estado lamentable con continuos vertidos en plena estrada”.
“Nese mesmo pleno tamén nos interesamos se existía algún plan de rebacheo para o medio rural dado o deterioro que están sufrindo as estradas neste entorno, onde se nos afirmou que xa estaba posto en marcha. Pero a realidade é ben distinta, xa que podemos ver claramente que existen estradas totalmente intransitables e non nos queremos imaxinar como estarán coa chegada do inverno”.
“Esta situación que estamos a padecer tódolos veciños do concello de Foz ven dada por unha deixadez e falta de sensibilidade deste desgoberno do Partido Popular, que a todo di que sí e logo a realidade é outra ben distinta”, critican os concelleiros, agora independentes.