Cervo, 8 de setembro de 2014- O Concello de Cervo fixo balance de dúas actividades postas en marcha nos meses de xullo e agosto, como son os Enredos de verán e Repasando en vacacións. Dous programas, un de lecer e diversión e o outro de aprendizaxe e apoio escolar, que tiveron moito éxito de participación.
En total, nestes dous meses, foron 150 os nenos e nenas de infantil e primaria que acudiron a estas actividades, dos cales 90 asistiron a Enredos e 60 a Repasando. Cabe destacar que os Enredos de verán teñen xa unha longa tradición nas épocas de vacacións, mentres Repasando púxose en marcha por primeira vez no municipio.
No caso dos Enredos, durante estes meses leváronse a cabo actividades lúdicas na Casa do Mar e ao aire libre, como xogos, manualidades, maxia, cociña, skate, surf ou circo entre outras.
En canto a Repasando en vacacións, cabe destacar a colaboración da ANPA do CEIP Cervo. Unha actividade na que os alumnos recibiron clases de reforzo sobre os contidos impartidos durante o curso anterior, así como algún avance sobre o estudarán no novo período escolar.
A edil de Educación, Pilar Armada, asegura que se trata de dúas actividades “compatibles e complementarias” que “seguirán formando parte da programación anual do Concello de Cervo”. Ao mesmo tempo, Armada lembra que no outono volverá outra actividade que tivera moito éxito ao longo do curso, como é a Ocioteca, da que se informará convenientemente.