O próximo venres 12 de setembro terá lugar, ás 21.00h no Cine-Teatro de Viveiro, o IV CONCERTO MÚSICAS E LETRAS EN FEMININO. O evento, que xa vai pola súa cuarta edición e que se está a consolidar como unha das citas culturais anuais máis agardada nesta época do ano na Mariña, segue apostando pola promoción da creación artística das mulleres galegas.
Se nas pasadas edicións, celebradas en Mondoñedo, Ribadeo e Viveiro, contouse con grandes da música galega como Ugia Pedreira, Uxía e Sés respectivamente, para este IV concerto teremos a sorte de voler ver sobre o escenario a dúas das artistas coas que contamos en anteriores edicións: UGIA PEDREIRA e SÉS. O evento será tamén o peche da carreira musical de Ugia Pedreira, que anunciou que se despide dos escenarios xustamente este venres día 12.
Ademais de Ugia Pedreira e Sés, entre as actuacións musicais haberá tempo neste IV Músicas e Letras en Feminino para un recital poético a cargo de alumnas do IES Dionisio Gamallo Fierros de Ribadeo, que lerán diferentes textos de poetas galegas e mariñás.
Dende o Observatorio da Mariña pola Igualdade seguimos a apostar, con este tipo de actividades, por valorar e visibilizar a creación artística das nosas mulleres. Con esta cuarta edición o MÚSICA E LETRAS EN FEMININO consolídase como evento cultural feminista de referencia, cun formato innovador e cunha sede fixa, A Mariña, na que cada ano unha das vilas se converte tamén en protagonista.
O prezo xeral do bono-axuda-entrada será de 5 euros. Colaboran a Deputación de Lugo (área de Cultura) e o Concello de Ribadeo.