Lugo, 17 de outubro de 2014. A Deputación de Lugo apoia con 123.000 euros a petición do Concello de Ribadeo para que tanto a Praia das Catedrais coma toda a franxa litoral ribadense sexan declarados Parque Natural. A Xunta de Goberno da insitución provincial aprobou este venres un convenio excepcional co Concello de Ribadeo que supón unha achega de 59.700 euros en 2014 e 64.164 euros en 2015 para todo un programa de actuacións dirixidas a protexer o areal e potenciar o seu atractivo turístico durante todo o ano, para así desestacionalizar as visitas e evitar a masificación da praia.
O vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, afirmou na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno que “as medidas meramente restrictivas que propón a Xunta de Galiza non chegan”. “Limitar o acceso á praia porque si, sen dar máis alternativas, non vai evitar nin os atascos nin as colas de coches de xente que pasa pola A-8 e quere mirar se ten sitio para visitar a praia”, argumentou, porque “non é só sacar número coma na carnicería para entrar á praia, hai que acometer un proxecto moito máis amplo para facer que grazas ás Catedrais Ribadeo e toda a Mariña sexan un atractivo durante todo o ano”.
Neste sentido, Veiga afirmou que estes 123.000 euros aprobados hoxe “son o investimento máis produtivo na economía da comarca, porque o retorno económico que xeran no turismo, na hostalaría e no comercio da zona é moito maior”. Dende ese punto de vista, criticou que “o plan da Xunta é simplemente prohibicionista pero non conta con orzamento económico ningún para fomentar o turismo e a economía de toda a comarca”. “Todo o investimento que fixo a Xunta a día de hoxe nas Catedrais foi poñer catro carteis”, polo que pediu á Xunta que “cando menos poña outro tanto como pon a Deputación para infraestruturas necesarias como un aparcadoiro disuasorio alonxado da praia ou a peonalización do entorno do areal”. “Os Orzamentos da Xunta para 2015, que están a piques de saír, sería un bo lugar para que figuraran eses cartos como parte da aportación da Xunta”, afirmou o vicepresidente da Deputación.
A Deputación e o Concello seguen reclamando a declaración de Parque Natural
A Deputación de Lugo e o Concello de Ribadeo seguen demandando a Declaración como Parque Natural para a franxa litoral de Ribadeo que permita desconxestionar as Catedrais da súa presión turística ofrecendo alternativas para todo ese fluxo de visitantes atraídos pola especial natureza desta costa. Neste sentido, Veiga pediu á Xunta un “plan máis amplo que o presentado, serio e de futuro, consensuado por todas as administracións: Xunta, Deputación, Ministerio de Medio Ambiente, Dirección xeral de Costas,Concello, veciños e sectores implicados”. A xuízo de Antonio Veiga, a declaración de Parque Natural para As Catedrais significaría a protección da zona, o despegue definitivo e a consolidación como un reclamo turístico de primeira magnitude para toda a Mariña lucense.
“Temos que favorecer, mediante ofertas que inclúan toda a comarca da Mariña, que as visitas sexan máis escalonadas e ordenadas e que haxa menos coches no entorno da praia mediante un aparcadoiro amplo e distante conectado con transporte público e a habilitación dun apeadeiro de FEVE, porque mentras non logremos sacar os coches dalí e peonalizar o entorno non resolveremos nada”, argumentou Veiga esta mañá.
Fomento do turismo de natureza e do turismo ornitolóxico en 2015
Antonio Veiga detallou a aportación de máis de 120.000 euros en dúas anualidades que fai a Deputación mediante o convenio aprobado hoxe e que irá destinado, entre outras cuestións ao mantemento do punto de información turística que hai na praia, atendido por 6 persoas, un lugar polo que pasaron este mes de agosto máis de 300.000 persoas, polo que se constitúe como “o principal foco de promoción turística da provincia de Lugo e un dos primeiros de Galiza”.
Ademais do programa de Atención ao Visitante e Mantemento do punto de información turística nas Catedrais, o convenio inclúe outras medidas como o bus turístico á praia, un programa de mantemento e coidado do areal, a difusión do valor ecolóxico das Catedrais e de toda a franxa litoral do concello, o fomento do turismo ornitolóxico, a creación de produtos de turismo de natureza, valorización do patrimonio cultural e gastronómico da zona, ou outras actividades de promoción como a Media Maratón organizada este ano por primeira vez e que congregou a máis de 1.000 participantes.
Reto: facer que os turistas que veñen ás Catedrais se queden varios días na Mariña
A praia das Catedrais tense convertido no segundo destino singular máis coñecido e visitado de Galiza, só por detrás da Catedral de Santiago. O vicepresidente da Deputación de Lugo, afirmou que “o turismo é un dos sectores con máis futuro da provincia, pero non calquera tipo de turismo, temos que apostar por un turismo de calidade vinculado ao patrimonio e ao medio ambiente, un turismo sostible, non masificado, que protexa entornos como a Praia das Catedrais”, defendeu Antonio Veiga.
Para Antonio Veiga o grande reto é “aproveitar o tirón das Catedrais para vender A Mariña e o resto da provincia de Lugo e facer que os turistas que veñen ver as Catedrais queden varios días na Mariña e visiten outros puntos da comarca”. “Temos que aproveitar o efecto imán que ten para o turismo na Mariña a praia das Catedrais”, dixo.




















O programa inclúe inscricións, concertos, exhibicións, rutas e exposición de vehículos. Con motivo do evento, haberá cambios temporais de tráfico no casco urbano, con prohibicións de circulación e estacionamento en varias rúas e modificacións de sentido. O Concello pide á veciñanza que respecte a sinalización para garantir o correcto desenvolvemento das actividades.
A piscina abrirá de luns a venres de 8:30 a 13:00 e de 15:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. O ximnasio manterá horario continuo de luns a venres, de 8:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. A tempada arrinca tras diversas melloras nas instalacións, entre elas a renovación da cuberta do polideportivo, cun investimento de 195.000 euros, así como a substitución de portas de emerxencia, a intervención en pontóns das piscinas e o cambio das huellas de volteo. O Concello continúa así reforzando o mantemento e a seguridade dun complexo utilizado diariamente por numerosos veciños e deportistas.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



