Burela, 17-10-14.- A CIG ven de denunciar publicamente que o Concello de Burela se nega a executar unha sentenza xudicial favorábel a un empregado municipal que presta servizos como Director da Banda e como profesor na Escola de Música.
O 30 de xullo do presente ano, o Xulgado do Social de Lugo ditaba sentenza a favor do Director da Banda de Burela e obrigaba ao Concello a repoñer a este traballador nas condicións nas que viña desenvolvendo o seu traballo con anterioridade. O Concello de Burela, a través dun Decreto de Alcaldía do 22/01/2014, procedera á modificación substancial das condicións de traballo do Director da Banda, cunha redución da súa xornada laboral dun 66%, quedando o seu horario lectivo reducido á mínima expresión con só 4 horas de clase semanais. O Xulgado estimou a demanda presentada polo traballador e declarou a modificación efectuada polo Concello como improcedente.
Segundo aclara a CIG na denuncia que hoxe fixo pública, “esta medida foi adoptada unilateralmente polo Concello e supuxo na práctica a desaparición mesma do Director da Banda, deixando a este empregado cunha ridícula xornada laboral de 4 horas semanais para labores como profesor da Escola de Música, sendo o docente con menor carga lectiva de todo o profesorado do centro.”
O sindicato nacionalista asegura que “estamos diante dunha manobra por parte do Concello para forzar a resolución voluntaria do contrato por parte do traballador, evitando un despedimento improcedente que social e politicamente non se podería xustificar.” Por outra parte, a CIG adianta que levará a cabo todas as medidas precisas para que se repoñan as condicións a este empregado e emprenderá as accións xudiciais oportunas para que non se vulneren os dereitos fundamentais deste traballador ou de calquera outro empregado municipal.”
Para a CIG, “estamos diante dun claro caso de persecución e mobbing contra o Director da Banda, que ven padecendo un hostigamento continuado desde hai máis de 3 anos, a través da redución progresiva do seu horario, diminución da carga lectiva, perda forzosa de alumnado…”.“Existe un interese especial en apartar a este profesor da dirección da Banda, chegando a Dirección da Escola a emitir un Informe no que aconsellaba que se lle reducise a xornada laboral e que posteriormente derivou na modificación practicada polo Concello”.