O Concello de Ribadeo, co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, pretende posicionar As Catedrais como un dos principais destinos de ecoturismo do Estado en 2015, fomentando o turismo de natureza e o turismo ornitolóxico no litoral ribadense. Este é un dos principais obxectivos do Proxecto As Catedrais Parque Natural, un programa de actuacións bianual posto en marcha polo Concello e a Deputación e dentro do que se inclúe un paquete de 10 accións encamiñadas tanto á conservación do areal como ao seu aproveitamento como revulsivo turístico e económico para toda a comarca da Mariña.
Este proxecto conta cunha achega económica de 123.000 euros por parte da institución provincial e vai encamiñado a conseguir a declaración como Parque Natural para as Catedrais e toda a franxa litoral ribadense. O convenio de colaboración, asinado esta mañá polo vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, e polo alcalde ribadense, Fernando Suárez, supón unha achega de 59.700 euros en 2014 e 64.164 euros en 2015 para todo un programa de actuacións dirixidas a protexer o areal e potenciar o seu atractivo turístico durante todo o ano, para así desestacionalizar as visitas e evitar a masificación da praia.
O vicepresidente da Deputación felicitou ao rexedor ribadense por un novo galardón para o areal, a inclusión das Catedrais como unha das sete maravillas rurais do Estado español, un premio que se une a outros semellantes acadados nos últimos anos mesmo no ámbito internacional e que contribúen a “dar a coñecer As Catedrais, Ribadeo e A Mariña” e que son froito en opinión de Antonio Veiga “da incansable labor de promoción que realiza o Concello de Ribadeo e o seu alcalde”.
Sobran os coches
Antonio Veiga apostou por promocionar toda a comarca da Mariña como un destino de “turismo de natureza” e dixo que “para promocionar as Catedrais dentro do ámbito do turismo ambiental e ecolóxico sobran os coches do entorno da praia”, polo que volveu reclamar á Xunta de Galiza unha serie de medidas neste ámbito non incluídas na súa proposta de Plan de Conservación, como son a peonalización do entorno ou a construción de aparcadoiros alonxados do areal e conectados mediante transporte. “Limitar o acceso á praia porque si, sen dar máis alternativas, non vai evitar nin os atascos nin as colas de coches de xente dende a A-8”, reiterou.
Por iso, o vicepresidente da Deputación afirma que as medidas “meramente restrictivas e prohibicionistas” propostas pola Xunta neste Plan de Conservación non chegan porque “é necesario un plan de actuación máis amplo”. Deputación e Concello siguen demandando a Declaración coma Parque Natural para toda a franxa litoral de Ribadeo, con toda unha serie de accións complementarias que permitan desconxestionar as Catedrais da súa presión turística ofrecendo alternativas en toda a comarca para todo ese fluxo de visitantes. “A solución está en ofrecerlles alternativas para que queden máis días na zona, non en prohibirlles vir”, dixo.
Os 100.000 euros da Xunta nos Orzamentos do 2015 son insuficientes
Para o vicepresidente da Deputación, os 100.000 euros anunciados pola delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias, nos orzamentos autonómicos do vindeiro ano, “son insuficientes”, porque non permiten atallar o problema “urxente” da saturación de coches no entorno do areal. “100.000 euros non chegan nin para facer un aparcadoiro alonxado da praia”, afirmou Antonio Veiga.
Ao mesmo tempo, Antonio Veiga acusou á Xunta de “desentenderse das súas obrigas e responsabilidades” ao propoñer que sexa o Concello o que se encargue de coordinar todas as accións necesarias en relación ás Catedrais. “Ata agora efectivamente encargouse o Concello de Ribadeo, diante da desidia e irresponsabilidade da Xunta, que é a quen lle corresponde”, dixo o vicepresidente da Deputación, que lle lembrou a Raquel Arias que a Praia das Catedrais foi declarada Monumento Natural de Galicia pola Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia polo Decreto 11/2005 de 20 de xaneiro, polo que a súa protección e conservación depende da Administración autonómica. “Nós desde a Deputación sempre estaremos dispostos a colaborar, como o estamos a facer desde hai tempo”, lembrou Veiga, que indicou ademais que “o das Catedrais non é só un problema do Concello de Ribadeo, senón unha oportunidade tamén para os concellos limítrofes, polo que o lóxico é que se encargue da coordinación a Xunta de Galicia por ser de ámbito supramunicipal”, argumentou.




















O programa inclúe inscricións, concertos, exhibicións, rutas e exposición de vehículos. Con motivo do evento, haberá cambios temporais de tráfico no casco urbano, con prohibicións de circulación e estacionamento en varias rúas e modificacións de sentido. O Concello pide á veciñanza que respecte a sinalización para garantir o correcto desenvolvemento das actividades.
A piscina abrirá de luns a venres de 8:30 a 13:00 e de 15:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. O ximnasio manterá horario continuo de luns a venres, de 8:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. A tempada arrinca tras diversas melloras nas instalacións, entre elas a renovación da cuberta do polideportivo, cun investimento de 195.000 euros, así como a substitución de portas de emerxencia, a intervención en pontóns das piscinas e o cambio das huellas de volteo. O Concello continúa así reforzando o mantemento e a seguridade dun complexo utilizado diariamente por numerosos veciños e deportistas.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



