Cervo, 1 de outubro de 2014- O Concello de Cervo anunciou hoxe que xa ten elaborados os orzamentos para o ano 2015. Uns presupostos nos que, tal e como prometera o goberno local, non haberá subida de impostos. Este é o terceiro ano consecutivo no que o Concello non aumenta a carga impositiva aos veciños, ao tempo que mantén a calidade en todos os servizo públicos que presta.
No 2012, o Concello manifestara o seu compromiso de non subir os impostos nos anos 2013, 2014 e 2015, de forma que os veciños “non teñen que facer un esforzo maior para seguir dispoñendo de todos os servizos municipais”, explica a edil de Facenda, Yolanda Pedreira.
Da mesma maneira, Pedreira asegura que “o Concello pode manter servizos sen subir impostos grazas á planificación e xestión responsable que estamos levando a cabo. Polo tanto, temos capacidade para seguir ofrecendo servizos de calidade sen que iso afecte ao poder adquisitivo dos veciños”.
Ao mesmo tempo, o Concello informou de que os orzamentos serán debatidos en pleno na primeira quincena de outubro e aprobados en prazo, tal e como vén sucedendo nos últimos anos. Así, cumprirase coa Lei de Facendas Locais, que establece que as contas deberán ser publicadas antes do inicio do exercicio, neste caso antes do 1 de xaneiro.