Ribadeo, 6 de novembro de 2014. A Concellaría de Saúde e Servizos Sociais agradece a colaboración do CIFP Porta da Auga. As alumnas e alumnos de 2º curso do ciclo de educación infantil, a través do módulo de habilidades sociais, realizaron un Samaín solidario no que puxeron á venda doces e castañas asadas e os fondos recadados foron doados ao Concello, que os destinará á compra de peixe para as familias con menos recursos de Ribadeo.
A edil Teresa González Piñeiroa tivo palabras de agradecemento para o CIFP Porta da Auga “xa que sempre está disposto a colaborar con nós, tal e como ocorreu xa con outras iniciativas. Nesta ocasión os rapaces ofrecéronnos a cantidade recadada no Samaín solidario para as familias máis necesitadas do noso concello. E desde os Servizos Sociais decidimos destinar eses cartos á compra de peixe no mercado de abastos”. A concelleira de Servizos Sociais e Sanidade subliña que “toda axuda que recibamos é boa”.
Ademais as alumnas deste ciclo acudiron onte ao Concello e mantiveron unha xuntanza con Teresa González Piñeiroa e co traballador social José Luis Gegunde: “o que fixemos foi coma unha clase práctica sobre os servizos sociais, que complementa os coñecementos que elas están a recibir no CIFP Porta da Auga, e na que houbo unha rolda de preguntas sobre o traballo que realizamos desde o Concello. O que quixemos con este acto foi abrir o concepto que se ten dos servizos municipais á canteira que se está a preparar e na que está o futuro destes departamentos”.
O vindeiro 14 de novembro tamén teremos unha actividade similar co ciclo de dependencia do CIFP Porta da Auga.