Foz, 18 de novembro de 2014. O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, participou este martes nunha campaña de concienciación ambiental promovida pola asociación Coge 3 para que os vendedores do mercado semanal non deixen lixo tirado xunta á ría focense.
“Aproveitando a celebración do mercado semanal en Foz hoxe, martes, vimos de facer unha campaña de concienciación medioambiental xunto cos membros da asociación Coge 3, co técnico municipal de Medio Ambiente e coa Policía Local para tratar de concienciar aos tendeiros e vendedores ambulantes de que recollan os postos unha vez rematen. Trátase de que deixen todo o lixo recollido nos colectores para residuos que pon o Concello e que faciliten ao máximo o traballo dos servizos de limpeza municipais que pasan despois de que remata o mercado”, explicou o rexedor municipal.
Javier Castiñeira engadiu que “é certo que hai queixas porque moitos dos materiais voan para a ría e acaban no mar, polo que creo que estas campañas son importantes. Tamén hai que facerlles ver aos ambulantes que se estas circunstancias seguen así posiblemente teremos que poñer multas por parte dos policías municipais e incluso poderíamos chegar á retirada das licencias en casos de reiteracións na falla de limpeza nos postos”.
O alcalde recordou que “aos veciños de Foz o mercado semanal cústalles aproximadamente entre 2.000 e 2.500 euros ao mes pola ocupación que hai que pagar a Portos de Galicia, como propietario do terreo. Polo tanto son moitos os recursos que estamos poñendo aquí e queremos que os tendeiros deixen como atoparon a súa parcela: totalmente limpa e libre de residuos”.
Castiñeira rematou agradecendo aos membros de Coge 3 esta iniciativa, porque “vai en beneficio de todos, sobre todo para tratar de coidar a nosa ría, que moitas veces se ve prexudicada porque bolsas e demais envoltorios acaban na ría por falla de conciencia daqueles que venden no mercado”.