O sábado de outono XIV, 8 de novembro, Os Aventados e o Concello de Cervo reemprenden a programación cultural que conxuntamente levan realizando durante todo o ano.
Ás 12.00 horas, na sala de seminarios da Casa da Cultura de San Cibrao: conferencia, proxeccións, debate e conclusións, sobre “San Ciprián, puerto de las Reales Fábricas de Sargadelos” a cargo de Dña Elisa Perez Vazquez, responsable do Museo Histórico de Sargadelos na Casa da Administración do complexo histórico.
Sargadelos debería ser por historia, iniciativa económica e laboral, capacidade para promocionar a identidade galega, o centro de visitas, seminarios, investigación e creatividade, máis importante da provincia de Lugo. Un símbolo para a Galicia do norte. Un “torno” da cultura.
Sargadelos coa súa aventura industrial, económica, laboral, ilustrada, non se concibe sen as Fragas de Rúa, o caolín da comarca, e sobre todo o porto-ría de San Cibrao -actual praza dos Campos- por onde chegaban e saían as mercancías de Sargadelos, cunha flota propia de 22 buques de cabotaxe.
Ás 20.00 horas no Auditorio da Casa da Cultura, concerto de outono, con música pop, a cargo do Grupo Musical “Vapor da Arte”, que dirixe o profesor Lino Rico Fernández, coa magnífica voz de Marivi Maragoto, e tres músicos máis, capaces de darlle á estación das chuvias e as cores, o son atemporal que producen as máis fermosas melodías do pentagrama.