Riotorto, 14 de novembro de 2014. O alcalde de Riotorto, Federico Gutiérrez Estoa, e unha representación da comisión veciñal pola defensa da praza médica vacante no centro de saúde reuníronse coa xerencia da Área Sanitaria de Lugo. O encontro foi cualificado polo rexedor municipal como “moi decepcionante, porque se reafirmou na argumentación que nos deu no escrito de resposta á corporación municipal”.
Federico Gutiérrez explicou que “basicamente o que nos expuxeron foron argumentos de orde técnica cos que pretendían xustificar a supresión deste médico, pero en Galicia asinouse no ano 2007 por parte dos colexios profesionais, dos sindicatos e da administración o coñecido como Plan Mellora, que fixaba un ratio de 1.200 cartillas por médico. Entón os argumentos para defender isto son diversos, polo que non é de recibo querernos vender os seus como se foran neutrais. Polo tanto a Xunta non fai máis que acudir a razoamentos técnicos para xustificar a decisión política de suprimir unha praza de médico en Riotorto”.
O alcalde engadiu que “a pregunta realmente é se Riotorto queda atendido cun só facultativo, algo que é evidente que non, como puidemos comprobar sen ir máis lonxe hai dúas semanas. Cunha cousa tan sensible como é a saúde, pois estamos falando de vidas humanas, non se pode xogar; e iso é o que está facendo a Xunta de Galicia neste caso”.
Para o rexedor municipal “cos argumentos da taxa de envellecemento e a dispersión xeográfica e que hai máis concellos en Lugo que teñen un só médico, outros once, a lóxica da Xunta non pode ser máis ruín e infantil, posto que responde ao refrán popular de mal de moitos consolo de tontos. Que haxa concellos que se atopan na mesma o incluso en peor situación que Riotorto non quere dicir que a atención sanitaria nestes concellos, ou cando menos en Riotorto, sexa óptima. É máis, a atención sanitaria en Riotorto é absolutamente insuficiente, posto que un só facultativo ten que facerse cargo da totalidade das cartillas, o que provoca menos tempo de atención ao paciente; e ese mesmo facultativo ten que cubrir a atención domiciliaria, o que provoca que o centro de saúde quede sen persoal durante as saídas, por non falar dos retrasos de 8 ou máis días na dispensación das receitas, cos problemas que xera isto nos tratamentos de doentes crónicos. En relación a isto ata podería resultar cómico se o conto non fose triste que a xerencia afirme na súa resposta que un número reducido de pacientes por facultativo pode facer perder práctica e aptitudes ao médico”.
Gutiérrez Estoa tamén comentou que “con respecto ao argumento de que hai concellos con dotacións máis altas, que nosoutros expoñiamos, a xerencia reafírmase en que van igualarnos por abaixo, ou sexa que van rebaixarlles as súas dotacións para que así Riotorto non quede discriminado. En definitiva o que nos parece inaceptable é que nos queren facer comulgar con rodas de muíño e que nos tratan como números”.
Para rematar o alcalde aclarou que “fomos a esa reunión convocados pola xerencia, pero seguimos agardando á reunión coa conselleira de Sanidade e coa delegada da Xunta en Lugo, pois a primeira pregunta que fixemos foi se o xerente tiña capacidade de decisión ou de resolver e puidemos comprobar que non ten absolutamente ningunha e o único que fai é aplicar as directrices políticas que lle marcan dende Santiago. Entón a súa capacidade de resolución é nula, polo que todo o que poidamos falar realmente non vale para nada”.