Cervo, 5 de novembro de 2014. De confirmarse sancións económicas ao concello, o BNG reclamará responsabilidades políticas nunha actuación que a propia Delegación Provincial de Cultura xa “declarou ilegal” o pasado mes marzo nunha resolución remitida ao concello e á Dirección Xeral do Patrimonio que ademais informaba da “proposta de apertura dun expediente sancionador” que agora “continúa de forma definitiva coa apertura dun procedemento sancionador por falta grave que inclúe sancións económicas que van desde os 60.000 aos 150.000 euros”, pendente das alegacións que poda presentar o concello. Lembran que a desfeita provocada no Conxunto Histórico de Sargadelos, declarado Ben de Interese Cultural en 1972, xa fora denunciado polo BNG no mes de febreiro pasado.
NO CASO DE CONFIRMARSE SANCIÓN ECONÓMICAS AO CONCELLO RECLAMARÁN RESPONSABILIDADES POLÍTICAS
O portavoz municipal nacionalista, Xoán Antón Estúa, avanzou que “no caso de confirmarse sancións económicas ao concello por falta grave contra o patrimonio cultural, fan responsábeis ao alcalde e á concelleira de Cultura, Begoña Alonso, aos que pedirán responsabilidades políticas”.
O CONCELLO TRATOU DE XUSTIFICAR ESTA ACTUACIÓN QUE CULTURA NON ADMITIU MANTENDO O EXPEDIENTE DE SANCIÓN ABERTO E EN CURSO ADMINISTRATIVO
Aseguran desde o BNG, coa documentación oficial na man, que o goberno local ademais de sobrepasar as autorizacións da Dirección Xeral do Patrimonio “coa tala 10 exemplares arbóreos cando so tiña permiso para dúas ou tres”, e provocar “nunha actuación neglixente e pouco coidadosa, a destrución de varios elementos patrimoniais no conxunto histórico de Sargadelos”.
Estúa ademais acusa ao alcalde de mentir nun informe remitido do 21 de febreiro á Delegación Provincial de Cultura sobre as actuacións realizadas “xa que nega movementos de terra que si existiron, mesmo coa utilización de maquinaria pesada que puido danar estruturas patrimoniais”. O portavoz nacionalista asegura que “nese informe remitido pola alcaldía xa se trataba de xustificar a actuación do goberno local, e non foi tido en conta” como se desprende da resposta o 11 de marzo onde se declaran non ilegais as actuacións e se emite proposta de expediente sancionador que agora seguen o seu curso.
ESTE GOBERNO PASARÁ Á HISTORIA POR PERMITIR A DESTRUCIÓN DE PARTE DO CASTRO DA ATALAIA E OUTROS DESTROZOS PATRIMONIAIS
Para o BNG o historial de neglixencias e desprezo ao patrimonio cultural do goberno municipal de Cervo é amplo e vergoñento. Desde o derrube dunha das edificacións do Conxunto Histórico de Sargadelos fai algúns anos que mesmo puido causar danos persoais, pasando pola destrución permitida en parte do Castro da Atalaia e agora noutra actuación promovida polo propio concello que ademais vai ter consecuencias económicas que pagará toda a veciñanza.