Foz, 15 de novembro de 2014.- O BNG de Foz, a través da súa responsable local Lorena Seivane, denuncia o novo recorte sanitario que a Consellaría de Sanidade está aplicando desde agosto no Centro de Saúde de Foz. O pasado mes de xuño o médico que atendía polas tardes (o doutor Pavón) colleu unha baixa. Ata o día 15 de agosto dita baixa veuse cubrindo a diario, salvo dez días de xullo. Pero a partir de entonces, a baixa do médico só se cubre tres días á semana sen que lles dera ningunha explicación nin aos pacientes nin ao Concello. En concreto, os e as pacientes do médico da tarde só son atendidos os luns, mércores e venres, cando sempre foron atendidos todos os días da semana coma o son o resto de pacientes dos demais médicos do centro.
O BNG non comparte as xustificacións do Sergas de que se atende igual tres días que cinco e demanda a cobertura completa da praza de forma inmediata. É máis, esiximos que se cumpra a asignación de médicos que a propia Consellaría ten para o Centro de Saúde de Foz e que se ve reflectida na páxina web da Consellaría de Sanidade onde segue aparecendo a praza médica como de atención de 15:00 a 22:00 horas toda a semana. Esta situación de falta do médico está traendo cada vez máis malestar entre os pacientes e moitas son xa as persoas que mostraron a súa protesta por este feito e incluso que se cambian de médico porque se senten discriminados ao non ser atendidos nas mesmas condicións que co resto dos médicos do centro.
Segundo Lorena Seivane, o BNG ve neste recorte unha clara pretensión por parte do PP de eliminar esta praza do Centro de Saúde de Foz como está acontecendo xa en outros municipios da comarca e da provincia. Esta situación ven a deteriorar máis os servizos e a atención sanitaria no centro de saúde onde tampouco se cubre desde hai moitos meses a redución de xornada da pediatra, tendo que atender o mesmo número de nenos e nenas que se fóra xornada completa. “O que no nos parece de recibo é que o alcalde permita isto, dea por bo esta diminución da atención sanitaria no noso concello e non diga nada nin lle proteste á Xunta, antepoñendo os intereses do partido aos dos veciños”.
O BNG acusa á Xunta do PP de querer desmantelar a sanidade pública e deteriorar o seu funcionamento, poñendo en perigo a saúde e a vida das persoas. Por iso, o BNG vai seguir combatendo esta política de recortes para manter e mellorar a nosa sanidade pública, cousa que se consigue non con recortes e privatizacións de servizos senón con máis recursos e mellor xestionados.
Lorena Seivane.