Lourenzá, 07 de novembro de 2014. Dende o BNG de Lourenzá lamentan a neglixente xestión que o PP está a levar a cabo con respecto á sanidade na Mariña e consideran os nacionalistas laurentinos que a vaga de recortes aplicados polo PP en esta materia obtivo o seu máximo expoñente e despropósito co acontecido este martes, co servizo de pediatría de Mondoñedo – Lourenzá.
É preciso lembrar que na actualidade e debido a unha baixa temporal de longa duración o servizo de pediatría que atende aos concellos de Mondoñedo e de Lourenzá xa viu reducido os días de atención de cinco, os establecidos para os dous centros, a tres o que implica unha gravidade se cabe aínda maior do acontecido este martes día 4, onde a pediatra substituta que estaba prestando o servizo en Mondoñedo, como previamente estaba planificado, tivo que abandoar o consultorio do centro mindoniense, que lembremos da servizo a Mondoñedo e Lourenzá, para cubrir outra baixa no centro de saúde de Foz co resultado coñecido de que a maioría dos usuarios citados para o martes en Mondoñedo quedaron sen a consulta.
É obrigado resaltar tamén que a falla do pediatra titular de Foz non foi un feito imprevisto nin de forza maior senón que se sabía con antelación.
Por iso consideramos que estamos a ser ninguneados e tratados como usuarios de 3ª categoría e o goberno local está disposto a permitir que os maiores prexudicados neste caso sexan os nosos nenos.
Tampouco vamos a admitir que a resposta do SERGAS en casos como este sexa responder que os nenos van ser perfectamente atendidos polo médico de cabeceira dos pais, por moi cualificados que teñan, cousa que non dubidamos. Os nenos de Lourenzá teñen dereito a un profesional especialista e cualificado igual que o resto da mariña lucense, nin mais nin menos.
O goberno laurentino do PP non parece disposto a loitar polos dereitos dos seus veciños
Xa como norma habitual o goberno laurentino do Partido Popular, dando a calada por resposta novamente non parece disposto a interpor recurso algún diante do continuo recorte de servizos en materia de sanidade que está a perpetrar a administración Feijoo e que neste caso tamén están a afectar ao servizo en Lourenzá. Neste senso esixen os nacionalistas laurentinos se erradiquen por completo estas tácticas que só proseguen o empeoramento do servizo baixo unha coartada de mellor aproveitamento económico que resulta ser de todo falsa, pois ao final os usuarios rematamos pagando máis por menos e piden novamente á dereita neoliberal o cese das hostilidades contra a sanidade pública, á vez que instan ao goberno laurentino a loitar para que a área sanitaria Mondoñedo – Lourenzá volva a ter o servizo semanal completo de pediatría tal e como lle pertence.