A Mariña, 14 de novembro de 2014. A Comisión de Educación acolleu hoxe a resposta do Secretario Xeral de Centros e Recursos Humanos a unha pregunta rexistrada polo BNG o mes pasado a raíz da situación xerada no IES Vilar Ponte de Viveiro tras o incuprimento por parte da Xunta de Galiza do compromiso de dotación de profesorado neste centro.
Ante as preguntas do BNG e a insistencia do grupo nacionalista da necesidade de cumprir cos compromisos para garantir a calidade educativa, o señor Pinal Rodríguez asegurou que a tendencia da Xunta de Galiza é a de igualar os recursos humanos dos centros á baixa, defendendo a existencia de outros centros similares ao Vilar Ponte con menos profesorado.
RECORTAR OS SERVIZOS PÚBLICOS É A MARCA DA CASA DO PARTIDO POPULAR
Desde o BNG cualifican esta reacción como “a marca da casa do Partido Popular”. Aseguran os nacionalistas que “o Partido Popular segue un plan claro de desmantelamento dos servizos públicos, nomeadamente do ensino e a sanidade, xa que agora ata comparten argumentos para xustificar os continuos recortes de persoal. Baseándose en números, pretenden xustificar unha maior calidade na prestación de servizos con menos recursos.”
FRONTE AO PP, O BNG SIGUE RECLAMANDO IGUALAR POR ARRIBA E NON POR ABAIXO
O Parlamentario do BNG, Cosme Pombo, defendeu que “o modelo polo que hai que apostar é precisamente o oposto ao que están aplicando. Hai que apostar polo ensino público igualando aos centros por arriba, igualando uns centros con outros, pero mellorando os que están peor e non empeorando os que están mellor.”
UNHA DELEGADA QUE NON RESOLVE PROBLEMAS NON MERECE SEGUIR NO CARGO
Pombo tamén defendeu, fronte á culpabilización que volveu a trasladar o Secretario Xeral, o papel das nais e pais e da comunidade educativa en xeral que “defenderon, e seguen a defender, estoicamente o dereito das súas fillas e fillos a recibir unha educación de calidade, a pesar das ameazas, multas e actuacións da Consellería.” Neste sentido, o nacionalista censurou a actuación da delegada provincial, Mariña Gueimunde, que “tendo sido alumna do centro e sendo veciña de Viveiro, que se situou de perfil e evitou resolver, como máxima responsable provincial, un problema creado pola propia Administración.”
“O mellor favor que lle pode facer a Señora Mariña Gueimunde ao ensino en xeral, e ao da comarca da Mariña e de Viveiro en particular, é ter decencia política e presentar a súa dimisión”, concluíu Cosme Pombo.