O Burela FS Pescados Rubén xa está en terras catalás para medirse este sábado a un rival sempre complicado, o Marfil Santa Coloma, que recibirá aos de Juanlu con ganas de encamiñarse na boa senda. A novena xornada de Primeira División arrincará no pavillón Nou ás 18.30 horas.
O conxunto laranxa afronta este novo compromiso, na décima praza (10 puntos), logo de vencer a ElPozo Murcia (4-3) e no seu mellor racha da tempada, con 7 puntos nas últimas tres xornadas (Magna Navarra 4-4, Zaragoza 3-6). Verase as caras cun rival que é décimo terceiro (8 puntos) e que non coñece a vitoria desde a segunda xornada; logo de impoñerse no inicio ligueiro a Azkar (7-3) e Uruguay Tenerife (2-5), empatou na casa con Xaén (5-5, terceira xornada) e Inter Movistar (3-3, sétima xornada).
“Atoparémonos cun rival que estará moi motivado pola necesidade de puntos e por xogar en casa. Será un partido moi intenso” explicaba Juanlu, incidindo no ataque como a mellor virtude dos cataláns. “É un equipo con gran capacidade ofensiva e creativa; posúe xogadores desequilibrantes e con gol. O seu punto máis débil é a defensa, marcan moitos goles pero tamén os encaixan”. “Debemos ser fortes defensivamente; cun marcador axustado temos máis posibilidades de levarnos o partido”, puntualizaba o técnico burelistas sobre a clave do encontro.
Na expedición laranxa non viaxou Miguel, ausente xa nas últimas xornadas por unha contusión ósea. Isi, con molestias no xeonllo desde o partido con ElPozo, só puido adestrar co grupo este venres, e Jorge, que non puido acabar o encontro o sábado por molestias no dorso do pé, estivo apartado das sesións durante toda a semana. Ademais, Jorge será dúbida por unha contractura.