Barreiros, 6 de novembro de 2014. O Colectivo Cultural Ollomao pon en marcha unha nova actividade, continuando coa súa intención de achegar a cultura aos bares e tabernas de Barreiros. Nesta ocasión, trátase da representación de microobras de teatro que representarán as persoas que toman parte no grupo de teatro do colectivo e que se interpretarán tomando por escenario as tabernas e bares barreirenses.
O “Teatro nos bares” comeza este mesmo venres, achegándose aos dous bares da parroquia de San Xusto: o Antiguo e a Curva. Deste xeito, o grupo teatral actuará en primeiro lugar (ás 21.00 horas) no bar o Antiguo e a continuación (ás 22.00 horas) no bar A Curva.
Desde o Colectivo sinalan que “esta é outra das actividades que pretendemos sacar dos lugares habituais nos que se desenvolven e achegalas á xente, á vez que pretendemos contribuír á dinamización da hostalaría local e da vida social nas parroquias” .
“Co feito de representar dúas pezas en dous lugares distintos, pero próximos entre eles, pretendemos lograr que a xente que asista como público se desprace a ambos locais e fomentar un ambiente social e cultural animado na parroquia”, afirma a presidenta de Ollomao, Tamara Rubiños.
“Xunto cos xoves universitarios que comezamos a semana pasada, con esta actividade pretendemos achegarnos á maioría dos locais de hostalaría, xa que facelo en todos eles, nesta primeira etapa sería imposible”, explica Tamara Rubiños. “En todo caso, vista a boa acollida que tivemos polo sector, que se prestou en todo momento a unha absoluta colaboración, agardamos poder ampliar actividades e seguir traballando conxuntamente con eles na consecución dun maior dinamismo social en Barreiros”.
Desde Ollomao insisten en agradecer ao sector a boa disposición que amosaron en todo momento, así como a colaboración absoluta coa que se atoparon desde o primeiro día no que plantexaron as ideas.
Durante os venres do mes de novembro, os distintos establecementos de hostalería das diferentes parroquias recibirán nas súas instalacións estas actuacións máis breves que as obras de teatro convencionais e nun ambiente máis desenfadado que o dos teatros de butacas.