Cervo, 8 de novembro de 2014- O Concello de Cervo informou hoxe de que se ve “na obriga” de buscar alternativas para a posta en marcha da administración electrónica despois de que os veciños “leven 4 anos perdidos nos que non puideron utilizar este servizo a pesar de que a Deputación puxera en marcha un plan gratuíto, o Innova-TE, para axudar aos concellos a implantar a administración electrónica”, explica a edil de Facenda, Yolanda Pedreira.
A edil asegura que na provincia “existe unha grande diferenza entre os concellos que se adheriron ao plan Innova-TE, que aínda non dispoñen de administración electrónica, e os que buscaron outras opcións, que levan anos ofrecendo este servizo”. Pero para Pedreira, o máis grave é que a Deputación “enganou aos veciños: Prometéralles que poderían facer trámites co Concello comodamente dende a casa, a través da Internet, o cal tería mellorado a súa calidade de vida”. Polo tanto, “os incumprimentos da Deputación prexudicaron aos veciños, que levan 4 anos agardando”.
Promesa de 2010: Administración electrónica nun ano
A edil lembra que en xuño de 2010 a Deputación enviou un escrito ao Concello convidándoo a participar no programa InnovaTE. Un documento no que afirmaba que o Goberno Provincial, textualmente, “converterase na primeira administración de Galicia que ofrece unha solución integral aos concellos para a implantación da administración electrónica no prazo de 1 ano”. Ese mesmo mes, o goberno local confirmaba a adhesión ao proxecto.
Pedreira explica que pouco antes das eleccións municipais de 2011 “viñeron sete persoas a entregarnos catro ordenadores. Sacaron a foto e nunca máis soubemos do plan”. A edil engade ademais que en numerosas ocasións o persoal municipal intentara contactar cos técnicos da Deputación para continuar coa implantación, “respondendo que xa chamarían eles cando houbese novidades”.
2013: Segunda fase
Dous anos despois, en maio de 2013, a Deputación anuncia a segunda fase do plan Innova-TE. A pesar do “bloqueo” das actuacións, o Concello decide adherirse tamén a este proxecto, agardando que “esta vez a Deputación cumpra coas súas promesas”. Nas seguintes semanas un técnico visitaba Cervo para comprobar o estado dos equipos entregados dous anos atrás, pero sen avances de cara á implantación da eAdministración.
Despois de 4 anos agardando para poder ofrecer a administración electrónica aos veciños e tendo en conta que as entidades públicas teñen que ter dispoñible este servizo no 2015, o Concello vese na obriga de contratalo cunha empresa.
“A Deputación amosou unha vez máis a súa incompetencia, non cumprindo o que prometeu: Non puxo en marcha a administración electrónica, impediu que os veciños mellorasen a súa calidade de vida, e ao final non temos máis remedio que contratar este servizo cunha empresa”, manifesta. “Agora entendemos por que o Innova-TE era gratuíto para os concellos: porque non tiñan intención de levalo a cabo”, remata Pedreira.