FAZOURO (FOZ), 5 DE NOVEMBRO DE 2014.- Os deputados autonómicos –Juan Carlos González Santín e José Ramón Val-, anunciaron este mércores aos deputados provinciais –Lara Méndez e Alfredo Llano-, á coordinadora do PSOE nesta comarca –Mayra García- e aos voceiros do Partido en distintos municipios da zona, que mañá volverán a pedir o apoio do Partido Popular no Parlamento de Galicia para instar á Xunta a demandar ao Goberno o arranxo da estrada N-642, o único viario costeiro e arteria principal de circulación entre os Concellos da Mariña, dende Ribadeo ata Viveiro.
Trátase, por tanto, da segunda ocasión, na que os socialistas deciden levar este asunto á Cámara galega, e que está motivada pola resposta escrita remitida hai unhas semanas pola Consellería de Presidencia aos deputados socialistas, e na que a institución de Feijóo elude esixir ao Executivo Central a mellora inmediata deste vial. Deste xeito, subraiou Val, “o Partido Popular terá mañá a oportunidade de decidir se quere que o Goberno arranxe este vial ou non”, sobre todo, indica, “porque tamén veñen de rexeitar a emenda presentada polo PSOE no Congreso aos Orzamentos do Estado, e que incluía unha partida de 2 millóns de euros para a mellora do mesmo”.
Proba contundente
Proba da desvinculación que exerce o Goberno galego neste asunto é a contestación emitida, e que di textualmente: “Dado que a estrada N-642 pertence á rede de estradas do Estado, a competencia sobra a mesma correspóndelle á Administración Xeral do Estado. Cómpre sinalar a este respecto que ao tratarse, polo tanto, dunha estrada de competencia da Administración Estatal, o debate sobre a mesma non debería realizarse no Parlamento Autonómico, órgano de control da Administracións de Galicia”.
Por este motivo, e dado o forte deterioro que presenta o firme, principalmente entre os municipios de Barreiros e Burela, González Santín e Val Alonso lamentan que o equipo de goberno de Feijóo prefira “non inquedar ao Executivo de Rajoy antes que garantir a seguridade e a integridade dos numerosos viandantes que circulan a diario por aquí, pois estamos ante unha das principais arterias de comunicación da Mariña, que dá acceso ao Hospital da Costa e a empresas de gran relevancia par ao tecido socioeconómico da comarca, como son Absa e Alcoa”.
A este respecto, e porque, precisamente a Cámara galega, é unha das canles a través das que “se pode facer forza para reclamar a actuación doutras administracións”, os socialistas amosan a súa disconformidade con tal escrito, pois “claramente se está vetando que a nosa petición chegue a administración coas competencias para actuar”. “Isto non é cousa, subliñan, de quen o ten que facer ou non, isto é cousa de que o estado no que se atopa esta infraestrutura roza a irresponsabilidade. A nosa intención non é outra que evitar un mal maior. Recentemente, nesta mesma estrada produciuse un accidente de gravidade, e o noso obxectivo é precisamente este, que non se volva a producir un suceso semellante. Todos sabemos que se as vías están en boas condicións, o risco de sinistro diminúe”, subliñan.
A Xunta tardou 8 meses en contestar
A resposta emitida polo Consellería de Presidencia prodúcese oito meses despois de que os deputados autonómicos presentasen as iniciativas no Parlamento de Galicia. Esta demora no tempo demostra para os socialistas que “a intención da Xunta é clara, deixar pasar a presentación dos Orzamentos do Goberno para que non dese tempo a incluír o arranxo do vial”. “A cotío, o Partido Popular fala de transparencia e de cumprir os prazos… pois ben, eles mesmos se delatan, 32 semanas tardaron en darnos unha resposta. E todo elo, para renunciar a esixir responsabilidades aos seus compañeiros no Estado”, concluíron.
Exemplo de escaso compromiso dos Gobernos do PP
O acuciado deterioro no que se atopa o vial é “máis que notorio”. Tal é así, que varios treitos, principalmente entre os concellos de Barreiros e Burela (variante de Foz, polígono de Fazouro e o tramo dende Nois á paria de Arealonga) están ateigados de fochas e fochancas que, ademais de incomodar na condución, supoñen un serio risco para os condutores que circulan habitualmente por ela. Por tanto, para os socialistas esta inacción é consecuencia do “escaso” compromiso que os Gobernos do Partido Popular teñen coa comarca, tal e como quedou demostrado nos Orzamentos que acaban de presentar recentemente as administracións do Estado e da Xunta, e nos que se observa que “seguen sen ter previsións importantes para a mellora das infraestruturas da comarca, xa que non inclúen o remate da VAC nin a ampliación do Hospital, nin ninguna outra actuación relevante no conxunto da Zona”, afirmaron.