-Papi: viches o novo anuncio de Gadis?-
-Pois non, está ben?-
-Moito, tes que velo-
A ver, google: “novo anuncio do Gadis”, aha aquí está. “Soñemos como galegos”, vexamos logo...
Que Galiza é un país de contradicións non é unha novidade, que andamos escasos de autoestima, tampouco. Agás en gastronomía, os galegos somos dados a crer que este país non é nada senón é pola súa pertenza a España/Europa. Onde imos nós pola nosa conta?: A ningures, segundo a maioría dos fillos de Breogán. É por tanto Galiza un país que na súa maioría non acredita nas múltiples oportunidades de riqueza que xera por si mesma.
Para comer a nosa casiña, paisaxe non hai coma a nosa, mais á hora de acadar valor deixamos que mans alleas saquen o froito da nosa terra, e o peor do caso, “facéndonos un favor”.
Todos estes síntomas son propios dun país colonizado, dun país masacrado culturalmente onde o moderno é o de fóra.
Mais dentro deste panorama de desarraigo xorde un illote de estima e orgullo de tintes nacionalistas: os anuncios do Gadis. E digo nacionalista aínda que a maioría dos receptores dos spots, e seguramente os creadores, fuxan deste termo.
William Wallace (Braveheart) foi nacionalista (patriota) escocés, a súa simulación adaptada á galega serviu de partida para unha serie de mensaxes que inciden nas características diferenciais do noso país. O noso carácter (distinto), o noso clima (distinto), a nosa comida (distinta), as nosas festas (distintas), todos os elementos diferenciais da nosa Galiza que nos fan únicos no mundo.
Dito isto por unha cadea de supermercados é ben aceptado: somos galegos, vivamos como galegos, soñemos como galegos…
Que pasa logo para non aplicar noutras esferas algo tan lóxico e certeiro?.
Que lles pasa a eses galegos teoricamente orgullosos dos seus sinais de identidade para comprobar de brazos caidos como o goberno lexisla en contra do idioma?
Que lles pasa a eses galegos teoricamente orgullosos do seu xeito de vida para aceitar de xeito impasible que ano a ano este país perde milleiros de habitantes?
Que lles pasa a eses galegos teoricamente orgullosos, para erguerse ante a inacción dos gobernos a prol da nosa pesca, do noso agro ou da nosa industria naval?
Pensemos por un intre que esas ideas lanzadas dende a empresa con sede en Betanzos promúlganse dende a Xunta. Un goberno galego facendo algo tan sinxelo como abandeirar un modelo de país sen dependencias, acreditando en todo o seu potencial, loitando polo noso modelo de vida (vivamos como galegos!), amando e traballando por mil primaveras máis para o noso idioma (soñemos como galegos e en galego!).
Soa a utopía, é verdade. Se acaso teriamos que abrir a porta de Monte Pío á familia Tojeiro ou mellor aínda ao William Wallace galego, coa cara pintada de celeste.
Parabéns ós creadores da campaña por facernos lembrar que temos un país marabilloso e rico, parabéns por, polo menos por minutos, recordarnos todo o que podemos ser capaces de crear.
-Xa viches o novo anuncio de Gadis, papá?-
-Pois si-
-E que che pareceu?-
-Que o que una un supermercado non o separe nin Deus-
Félix Jorquera



















No acto, o autor estará acompañado por Xosé Ramón Veiga, profesor de Historia Contemporánea na USC, e por Francisco Villamil, profesor de Ciencia Política na Universidade Carlos III. A Galicia moderna (1880-1939) desmonta a visión tradicional dunha Galicia rural, atrasada e pasiva no cambio de século, e amosa a profunda transformación económica, agraria e social que viviu o país nese período.
No acto intervirán o autor e Xoan Ramón Fernández Pacios, cronista oficial de Foz. A actividade está organizada pola Federación de Librarías de Galicia en colaboración co Concello de Foz.
Villares visitou a exposición fotográfica dedicada a Calvo-Sotelo, instalada na praza de Pancho Maseda, que forma parte do programa conmemorativo do centenario. A mostra reúne unha selección de imaxes seleccionadas pola propia familia do expresidente para achegar á cidadanía diferentes momentos da súa traxectoria persoal e política. A conmemoración, que se estende ao longo de todo 2026, busca poñer en valor a figura de Calvo-Sotelo e a súa relación con Ribadeo, onde deixou unha importante pegada vinculada, entre outras cuestións, ao impulso de infraestruturas.
Durante case dúas horas desenvolveuse unha conversa aberta arredor do mundo do espírito e do contido da obra, nun encontro ao que asistiu un grupo numeroso de persoas dispostas non só a escoitar, senón tamén a dialogar e compartir reflexións. Tras a intervención inicial de Pepe Peinó como responsable do proxecto, tomou a palabra o escritor Lionel Rexes, quen achegou novas perspectivas antes de abrir o debate ao público. As opinións, argumentos e matices sobre relixión, espiritualidade, Deus e os valores que sustentan a convivencia foron enchendo o espazo nun ambiente participativo e respectuoso, no que as diferenzas quedaron en segundo plano fronte á forza do diálogo, a solidariedade e o afecto.
O alcalde, Dani Vega, fixo un balance moi positivo: “foi un concerto moi especial nun marco espectacular, como é a igrexa parroquial de Ribadeo, e no que o gaiteiro Carlos Núñez encandilou aos asistentes co seu repertorio. Todos os asistentes disfrutámolo moito”. Xunto a Carlos Núñez estiveron o rexedor e as concelleiras de Cultura, Turismo e Seguridade, Begoña Sanjurjo, Marta Saiz e Montse Seijo.
A iniciativa xurdiu co obxectivo de xuntar o alumnado que coincidira na EGB, pero axiña se ampliou a todas aquelas persoas que compartiron pupitres e amizades tamén no instituto.
O público, totalmente entregado de principio a fin, amosouno cos intensos e prolongados aplausos que acompañaron toda a actuación. Ao remate, os asistentes expresaron o seu desexo de poder gozar no futuro de novos concertos do artista, que sen dúbida volverán entusiasmar ao público.



