Dende o PSdeG-PSOE de Burela e ante a sorprendente nota de prensa feita pública polo equipo de “desgoberno” do Partido Popular de Burela, que da a entender que as dietas cobradas quedan xustificadas polo arquivo da reclamación feita por nós ante o Valedor do Pobo, queremos aclarar:
Primeiro, que é verdade que o Valedor do Pobo arquiva a reclamación, pero isto no quere dicir nin moito menos que as dietas se xustificaran, máis ben todo o contrario. O Valedor do Pobo arquiva a reclamación, e citamos textualmente: “Esgotada a nosa función de supervisión sobre a actuación da entidade local referida, declárase a conclusión do expediente”, iso non quere dicir outra cousa que o Valedor do Pobo non ten competencias para sancionar ningún tipo de reclamación.
Segundo, a resolución que fai o Valedor do Pobo, non fai máis que confirmar as nosas sospeitas de que as dietas seguen sen xustificarse. A documentación remitida dende o Concello ó Valedor do Pobo é exactamente a mesma que lle remitimos dende o PSdeG-PSOE na nosa denuncia na que en ningún caso se xustifica o motivo do desprazamento, organismo ou persoas ás que se visitan nin os beneficios desa visita para os veciños e veciñas de Burela. O cobro das dietas segue sen xustificarse como nós pedíamos.
Terceiro, e citamos textualmente do escrito do Valedor do Pobo: “A devandita insuficiencia de datos a consignar na comisión de servizos, permite ó titular da reclamación pensar que se están utilizando dietas insuficientemente xustificadas para asignar unha retribución económica periódica a algúns concelleiros”, e prosigue “Resulta evidente que a dúbida formulada só pode ser resolta polo Sr. Alcalde que , como ordenante do gasto, debe coñecer os motivos de autorizar a comisión de servizos exposta”, e recoméndanos e citamos textualmente: ” De non producirse de xeito expreso (como é o caso), só se pode demandar no orden xurisdicional competente…”, é dicir o Valedor recoméndanos que presentemos unha demanda xudicial. Esta proposta do Valedor será estudada polo PSdeG-PSOE, pero máis aló de xudicializar a vida política, cousa coa que non estamos moi de acordo, é evidente que o Valedor para nada lle da a razón ó equipo de “desgoberno” do Partido Popular de Burela e indica dúbidas razoables con respecto ó cobro das dietas.
De tódolos xeitos, presentemos ou non a demanda xudicial, está máis que demostrado que o cobro das dietas non está xustificado a día de hoxe. E máis aló dun tema xudicial está a ética política, moi posta en dúbida nos tempos que corren. O Sr. Barcia como asinante do cobro destas dietas é responsable de explicar publicamente que xestións se fixeron con eses desprazamentos, a quen se visitou e para que, de non ser así, entenderemos que eses viaxes non se fixeron e se están cobrando soldos encubertos no equipo de “desgoberno” do Partido Popular de Burela, soldos que ademais deberían ser declarados á Facenda pública xa que as dietas como tal non se declaran.
Os veciños de Burela máis aló de que poida facelo un xuíz, ditarán sentenza nas próximas eleccións municipais de maio de 2015, non lle caiba dúbida ó Sr. Barcia.