CERVO, 12 DE NOVEMBRO. O Grupo Municipal Socialista de Cervo rexistrou este mércores unha emenda ós orzamentos aprobados en pleno o pasado 16 de outubro, “presentamos esta reclamación coa única finalidade de que o equipo de goberno faga unha modificación das partidas orzamentarias que permitan incrementar os esforzos municipais en apoiar as familias que están atravesando unha difícil situación económica e activar o emprego e a economía do noso concello”.
Precisamente, en canto a emprego se refire, os socialistas insisten na “enorme necesidade de incrementar a partida para crear o Plan de Emprego que tanto levamos demandado. A recuperación da que se nos fala non se plasma polo momento no día a día dos nosos veciños, todo o contrario. Debemos facilitar a inserción no mundo laboral dos veciños que así o precisen e sobre todo, de persoas adultas que perderon o seu emprego, con idades complicadas e perfís moi concretos”.
Neste senso, lembran que a activación económica no noso Concello non acaba de arrancar e menos se pensamos no brutal impacto que tivo este ano o ERE de Sargadelos, “solicitamos con esta reclamación que se aumente a partida para o fomento do emprego nuns 200.000 euros para atender a demanda existente no concello e facer posible a creación real de postos de traballo”.
Os socialistas ven tan importante dar solución ó desemprego como apoiar ós traballadores xa establecidos no concello, por iso piden tamén “incrementar o gasto destinado ó sector motor da nosa economía, como son os servizos, especialmente, o comercio. Agora máis ca nunca debemos apostar por un dos piares fundamentais da nosa economía, traballan e dan traballo no noso concello e pola contra, o goberno parece esquecerse do papel tan relevante que xogan para o noso desenvolvemento económico e social”.
Apoio ás familias
Por último, a emenda presentada esta mañá no Concello polo Grupo Municipal Socialista ten como terceiro obxectivo aumentar o gasto para emerxencia social, subliñan que “son moitas as familias que están atravesando por unha difícil situación, que non poden pagar o recibo da luz, a hipoteca ou o comedor escolar dos seus fillos. O goberno do Partido Popular é coñecedor desta situación pero mira para outro lado”.
Tanto é así que recordan como “neste último ano mantiveron intacta esta partida. É moi importante aumentar o gasto neste asunto e tamén que se execute atendendo así as demandas existentes”.
Piden ó equipo de goberno que “reflexione á hora de aceptar a nosa proposta. Neste vindeiro 2015, os nosos obxectivos deben ser a loita contra o desemprego, o apoio ós traballadores establecidos no concello e a axuda ás familias en emerxencia social. Son as tres prioridades que deberían prevalecer por riba doutros gastos prescindibles ou moito menos necesarios como é o excesivo gasto que supón a xestión de residuos de SOGAMA, o esaxerado coste do Consorcio de Augas ou a partida destinada a gastos diversos, publicidade e progapaganda á que lle adican máis de 165.000 euros”.