Santiago de Compostela, 18 de novembro de 14. A deputada socialista Concepción Burgo vén de denunciar un novo retraso na reparación da estrada entre Ferrería e Hospital, no concello do Incio, un tramo de 8 quilómetros da LU-642 nun “estado lamentable” que supón un “serio perigo para a circulación”. Burgo levou unha pregunta á Comisión de Obras Públicas no que lembrou o compromiso da Xunta de reparar a vía en 2011.
Logo da resposta do goberno galego, a deputada socialista constatou que “deixarán de novo sen reparar unha estrada” que “din que non é prioritaria pola escasa demanda de vehículos”. Esixiulle á Xunta que “vaian ao Incio e díganllelo aos veciños que teñen que pasar cada día por unha estada perigosa e chea de baches, ata o punto de que hai que ter moito coidado para circular sen estropear o coche”.
Criticou que o goberno galego tan só teña anunciado “a ver si fan o proxecto para o ano 2015”, logo dun retraso que suma xa catro anos, e dixo que “xa é o momento de que comecen a cumprir coas súas promesas, e si non simplemente non as fagan”.
Lembrou que este incumprimento súmase á reparación da estrada LU-641, no tramo entre Castroncan e Val do Mao, tamén comprometido polo goberno galego e conxelado polos recortes de Feijóo.
Burgo advertiu “demasiados incumprimentos co concello do Incio” por parte do goberno galego, en contra dun recente acordo unánime do Parlamento para impulsar o turismo da zona e de tódolos seus compromisos para frear a crise demográfica do rural galego.
Criticou que “non lles importa nada que a LU-642 sexa cada vez mais utilizada” nin as “moitas posibilidades” de chamar ao turismo cultural e natural dos concellos de O Incio, Sarria e Samos, xa que “a única realidade é que as súas promesas son palabras que leva o vento e que non van facer nada”.