Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2014. O parlamentario do BNG, Daniel Rodas pediu arquivar as citacións e expedientes sancionadores contra as persoas que participaron nas concentracións no mes de marzo contra o “inxusto reparto” de cotas.
Para o deputado, o reparto da U.E prexudicaba gravemente a flota galega polo que se fixo necesario, dixo, responder en contra dese resparto ante a negativa da Consellería de Mar a interceder no conflito, “o Goberno en vez de utilizar a política e o dialogo usa as forzas de seguridade contra o sector pesqueiro”, manifestou.
Rodas tamén asegurou que o delegado do Goberno quer castigar aos participantes nas mobilizacións remitindo citacións e abrindo expedientes que van dos “300 aos 6.000 euros”, vulnerando o dereito dos traballadores a poder exercer o dereito a pescar “con dignidade”.
É necesario cambiar o modelo político para non “criminalizar” ás persoas que defenden con folgas e mobilizacións os seus dereitos, “ as concentracións convocadas pola asemblea de Portosin denunciaban o preacordo do reparto das cotas de xarda e reclamaban unha nova negociación baseada en criterios equitativos”, debe ser isto penalizado preguntou.
O sector manifestouse “pacificamente” e foi agredido polas forzas de seguridade do Estado e do propio Goberno galego, denunciou o nacionalista.
A portavoz do pesca do PP, María Herminia Pouso negou que o reparto da xarda fora “discriminatorio e desproporcionado” e afirmou que o Goberno galego sempre “traballou co sector” para conseguir mellores cotas de pesca. A voceira popular explicou que “non existe ningún expediente por participar nunha manifestación, agás no caso de non estar autorizada”.
A portavoz do PP, despachou a solicitude do BNG manifestando que “non é competencia do Goberno galego” e anunciou o voto en contra á iniciativa nacionalista.
Rodas acusa ao PP de comportamento “mafioso” co sector
Rodas agradeceu o apoio do resto dos grupos parlamentarios e denunciou que o Partido popular actuou “como unha mafia” ao tentar desmobilizar ao sector a través de “prebendas” para tres convocantes. Par ao deputado, O delegado do Goberno ten un proceder parecido cando “persegue a preferentistas, desafiuzados, persoas que defenden o galego e tamén aos nosos mariñeiros”.
O presidente da comisión, Javier Guerra preguntou ao nacionalista se o termo “mafia” era figurado ao que Rodas declinou responder e retirar.
Finalmente, o parlamentario agradeceu o apoio do resto dos grupos e criticou que o Partido popular sega no camiño de “demonizar e castigar ” aos cidadáns que reclaman na rúa os seus dereitos.