Burela, 26 de decembro de 2014. O alcalde de Burela, José María González Barcia, manifestou este venres que “a Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao ven de adxudicar con efectos do pasado día once do presente mes as obras de reconstrución do faro de Burela; a empresa adxudicataria é Marcor Xove, S. L., e o importe ascende a 360.000 euros”. O presuposto de licitación era de 399.000 euros.
González Barcia asegurou sentirse “satisfeito e moi agradecido coa ministra de Fomento, Ana Pastor, e coa Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao que preside José Manuel Vilariño polo seu compromiso na reconstrución de todo un símbolo para os cidadáns do noso concello, como é o faro de Burela”.
Así mesmo, afirmou que “se están cumprindo de forma puntual os prazos que no seu día anunciamos, concretamente cando se presentou o proxecto de reconstrución no concello: daquela, díxose que a obra estaría adxudica na primeira quincena de decembro, e así foi”.
O alcalde burelés recordou que “as obras teñen un prazo de execución de catro meses, pero si se cumpren ou non vai depender do estado do mar; precisamente se están a barallar como datas posibles de comezo das obras os días finais do vindeiro mes de marzo, aínda que a meteoroloxía podería retrasalas”.
“En todo caso o novo faro será exactamente igual ao anterior, tal e como dixemos e garantimos no seu día”, segundo o rexedor. José María González Barcia dixo que “hai dez meses, ao día seguinte de que o temporal derrubara o faro, puxémonos a traballar para recuperar un dos dous símbolos da nosa identidade, xunto co torques, e nos comprometemos a que o novo faro sería igual que o anterior. Como se pode comprobar, estamos cumprindo o que no seu día prometemos”.