O 30 de xullo do presente ano, o Xulgado do Social de Lugo ditaba sentenza a favor do Director da Banda de Burela e obrigaba ao Concello a repoñer a este traballador nas condicións nas que viña desenvolvendo o seu traballo con anterioridade. Nesta nova sentenza, favorable a outro profesor que vira reducida a súa xornada de 14 a 7 horas semanais por un Decreto da Alcaldía, o xulgado do Social de Lugo recoñece a nulidade da modificación das condicións de traballo.
A sentenza di que a decisión do Concello, fundamentada no informe do Director da Escola de Música e no informe-proposta da concelleira-delegada de Educación e Cultura no que afirman que a Burela Blues Band non ten actividade dende o ano 2011, é inxustificada. O xulgado cualifica como “cativa” a proba aportada pola concelleira –delegada e que se baseaba en que na páxina web da banda figura o 2011 como última actuación da mesma.
Na sentenza quedan acreditadas as tensas relacións entre o Director da Escola de Musica e estes dous profesores nos últimos anos, así como as demandas que os profesores presentaron (e ganaron) contra o Concello e que existen, polo tanto,“indicios evidentes de vulneración da garantía de indemnidade”.
O Xulgado conclúe na sentenza que “resulta curioso que se lle reduza a xornada aos dous únicos traballadores que presentaron escritos en contra da actitude da dirección do centro, dándose horas para si mesmo a propia dirección” e remata cunha contundente frase: “a existencia dunha vontade de represalia é, pois, clara”.
Por si non fose pouco desafortunada a actuación do Concello e da Dirección da Escola de Musica, aínda a dia de hoxe non se executaron as sentenzas a pesar de seren firmes. Isto amosa o talante dos responsables da súa execución, que antepoñen as súas teimas persoais aos intereses dos veciños e ás obrigas que ten a administración de cumprir coa legalidade, de ser exemplar no cumprimento das sentenzas e de non arriscar os cartos dos veciños e veciñas do concello ante as posibles sancións que lle puideran impoñer pola súa actitude.