Lugo, 26 de decembro de 2014. O voceiro do BNG e responsable de Cultura e Turismo na Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, deu conta este venres na rolda de prensa trala xunta de goberno do organismo provincial da aprobación de tres convenios de colaboración con distintas entidades por un valor total de 205.000 euros. Dúas colaboracións son de tipo cultural, para arranxar distintos espazos e monumentos nos concellos de Castro de Rei e Mondoñedo, mentres que o terceiro é para colaborar coa Asociación Comarcal da Mariña Lucense Camiña.
Mario Outeiro concretou que “as axudas culturais cos concellos de Castro de Rei e Mondoñedo ascenden a 155.493,60 euros. 60.000 deles irán destinados ao arranxo dun local sociocultural en Castro de Rei, mentres que os 95.493,60 restantes son para a primeira fase da rehabilitación do auditorio Pascual Veiga e da Escola Municipal de Música de Mondoñedo”, sinalou.
Mentres tanto, xa dentro do ámbito do Benestar Social, “Camiña, Asociación Comarcal da Mariña, percibirá 50.000 euros para o acondicionamento dun centro de ocio para persoas con discapacidade. En total, son tres convenios valorados en 205.493,60 euros”, puntualizou Mario Outeiro.