Lugo, 5 de decembro de 2014. O portavoz do BNG e responsable da área de Cultura e Turismo da Deputación, Mario Outeiro, anunciou esta maña na rolda de prensa posterior á xunta de goberno que o organismo provincial aprobou por un montante global de 80.000 euros dous convenios que “servirán para revalorizar os atractivos turísticos e mellorar a sinaléctica en dous municipios da nosa provincia. 50.000 euros irán destinados ao Concello do Corgo e os 30.000 restantes recibiraos Mondoñedo”, sinalou.
No caso de Mondoñedo, estes 30.000 euros servirán para sufragar os gastos da segunda fase do seu Plan Estratéxico de Turismo, “que se puxo en marcha no ano 2012 e co que este Concello pretende estimular o tecido socioeconómico local, mellorar o sistema turístico local e potenciar a imaxe de destino favorecendo o incremento do número de visitantes e fomentando a súa permanencia. É importante subliñar que pola oficina de información turística da cidade episcopal pasan máis de 20.000 persoas ao ano”, recordou Mario Outeiro.
Actuacións no Corgo
Mario Outeiro explicou que no caso do Corgo, “estes cartos serán destinados ao programa denominado ‘Revalorización do Sector Turístico’, que consiste na realización de tres proxectos”, apuntou. En primeiro lugar procederase á sinalización indicadora do patrimonio cultural existente no termo municipal. Na actualidade, O Corgo carece de sinais indicadoras de localidade e de outros servizos e puntos que resultan de interese para visitantes e transeúntes, como a gran cantidade de pazos e casas señoriais que existen neste concello, que destacan a nivel arquitectónico. As estradas que atravesan o termo municipal si están correctamente sinalizadas na vertinte da seguridade, pero de forma tan básica no referente á localización destes núcleos, ben culturais ou patrimoniais, ou lugares tradicionais de interese para reunión ou celebración, que acertar con eles acaba por ser unha absoluta incomodidade e moitos incluso desisten deste obxectivo. “Con esta actuación preténdese corrixir esta deficiente sinalización e mellorar os fluxos turísticos desta zona”, concluíu o delegado de Cultura.
En segundo lugar, procederase tamén á recuperación de tres fontes e ao acondicionamento do entorno. “Dúas están situadas no núcleo de Maceda e a outra no de Gomeán. Neste último caso haberá que buscar a antiga fonte, agora oculta por obras que se fixeron anteriormente. O obxectivo destas actuacións é poñer en valor elementos do patrimonio municipal coa finalidade de mellorar a súa imaxe e de dotalos de novos usos e funcións en beneficio dos cidadáns”, concretou.
O responsable de Cultura do organismo provincial expuxo que “as liñas de actuación principais pasan pola información turística, coa reedición de folletos turísticos, no que se contempla tamén unha mellora da información que se ofrece nestes documentos e a continuación do folleto básico da cidade de Mondoñedo, elaborado no 2013 en seis idiomas; favorecer o desenvolvemento do turismo educativo como produto de alta prioridade na estratexia de negocio das Covas do Rei Cintolo, que son as máis grandes de Galiza. Para iso preténdese elaborar unidades didácticas sobre este enclave e comunicar as novas propostas didácticas ao seu público obxectivo (elaboración e impresión de trípticos divulgativos, deseño gráfico, etc.)”, sinalou.
Outra meta que se marca o Concello nesta segunda fase é a “formación de axentes do sector, con cursos de formación como o de elaboración e presentacións de tapas con cociñeiros de recoñecido prestixio, de cara a mellorar o Concurso de Tapas da localidade; e, finalmente, levar a cabo o programa de fomento de iniciativas culturais de animación e de actividades. Neste epígrafe búscase dotar á cidade episcopal de eventos e actividades recreativas e culturais que axuden a desestacionalizar o turismo”.
Cifras do paro
Mario Outeiro aproveitou a rolda de prensa para facer unha reflexión sobre os datos do paro que se coñeceron a comezos desta semana. “Por desgraza, non deixan en bo lugar ao goberno do señor Feijoo. E digo por desgraza porque xa son case 250.000 os galegos e galegas que se atopan sen emprego. E indo ao caso concreto de Lugo, as oficinas dos servizos públicos de emprego da nosa provincia pecharon novembro con 974 inscritos máis, o que supuxo que no último mes Lugo fose a segunda provincia do conxunto do Estado cun comportamento máis negativo, cunha alza do paro dun 4%. Hoxe son case 25.000 (24.682 en concreto) os e as lucenses que buscan traballo”.
Outeiro recordou que “dende o BNG xa levamos tempo alertando de que a situación non é, nin de lonxe, tan idílica como a pintan dende o goberno Xunta e dende o do Estado, e a suposta recuperación económica non é máis que iso, unha suposición, unha ilusión xerada polo Partido Popular. Desgraciadamente, os datos vannos dando a razón e esperamos que tanto Rajoy como Feijoo se dean conta dunha vez que as políticas de austericidio non son a solución e só nos levan a ter máis parados e traballos máis precarios. En definitiva, a Consellería de Traballo xa leva demostrado a súa incapacidade para evitar a tendencia negativa na contención do paro, máis alá de pequenas melloras derivadas de situacións temporais como son os contratos no sector servizos na temporada de verán. De feito, o paro subiu en novembro nas catro provincias do país, unha sangría desoladora”, concluíu.






















A clientela aproveita esta cita para facerse con artigos de tempada a prezos moi interesantes. É a segunda vez neste mes de agosto que se celebra o Comercio na Rúa en Ribadeo. Para a organización desta campaña Acisa conta coa colaboración do Concello de Ribadeo, Comercio Galego e Xunta de Galicia.
Con motivo desta data tan especial, o alcalde Demetrio Salgueiro, xunto ás concelleiras Tamara Soto e Mª Dolores Meitín, visitouna para felicitala persoalmente e compartir con ela unha celebración tan emotiva. O Concello destacou a alegría e o orgullo que supón chegar ao século de vida e trasladoulle os seus parabéns, desexándolle saúde, felicidade e moitos máis anos rodeada dos seus seres queridos.
Dende as 10 da mañá máis de 170 vehículos ocuparán o aparcamento de Coto ata as 13:30, cando partirán en caravana cara Arealonga. Alí permanecerán ata as 17:00, momento no que iniciarán a ruta pola estrada das praias, regresando ás 18:30 para a entrega de premios e a clausura, prevista para as 20:30. A cita reunirá máis de 300 participantes, con presenza de persoas chegadas de Pamplona, Bilbao e doutros puntos do Estado. O evento, organizado por retroclasicos_barreiros e co apoio do Concello, continúa a atraer amantes dos vehículos clásicos e a dar visibilidade á beleza de Barreiros.
No acto intervirán o autor e Xoan Ramón Fernández Pacios, cronista oficial de Foz. A actividade está organizada pola Federación de Librarías de Galicia en colaboración co Concello de Foz.
Villares visitou a exposición fotográfica dedicada a Calvo-Sotelo, instalada na praza de Pancho Maseda, que forma parte do programa conmemorativo do centenario. A mostra reúne unha selección de imaxes seleccionadas pola propia familia do expresidente para achegar á cidadanía diferentes momentos da súa traxectoria persoal e política. A conmemoración, que se estende ao longo de todo 2026, busca poñer en valor a figura de Calvo-Sotelo e a súa relación con Ribadeo, onde deixou unha importante pegada vinculada, entre outras cuestións, ao impulso de infraestruturas.
Durante case dúas horas desenvolveuse unha conversa aberta arredor do mundo do espírito e do contido da obra, nun encontro ao que asistiu un grupo numeroso de persoas dispostas non só a escoitar, senón tamén a dialogar e compartir reflexións. Tras a intervención inicial de Pepe Peinó como responsable do proxecto, tomou a palabra o escritor Lionel Rexes, quen achegou novas perspectivas antes de abrir o debate ao público. As opinións, argumentos e matices sobre relixión, espiritualidade, Deus e os valores que sustentan a convivencia foron enchendo o espazo nun ambiente participativo e respectuoso, no que as diferenzas quedaron en segundo plano fronte á forza do diálogo, a solidariedade e o afecto.
O alcalde, Dani Vega, fixo un balance moi positivo: “foi un concerto moi especial nun marco espectacular, como é a igrexa parroquial de Ribadeo, e no que o gaiteiro Carlos Núñez encandilou aos asistentes co seu repertorio. Todos os asistentes disfrutámolo moito”. Xunto a Carlos Núñez estiveron o rexedor e as concelleiras de Cultura, Turismo e Seguridade, Begoña Sanjurjo, Marta Saiz e Montse Seijo.



