Burela, 10 de decembro de 2014. A Fundación Eu Son contará durante nove meses cun dinamizador de actividades de ocio, tempo libre, deportivas e de promoción do voluntariado, grazas ao convenio suscrito esta mañá en Santiago con Special Olympics Galicia. Ata Compostela se desprazou o alcalde, José Mª González Barcia.
O rexedor asegurou que “a Fundación Eu Son vai contar a partir de agora e durante 9 meses cun dinamizador de actividades de ocio, de tempo libre, deportivas e de promoción do voluntariado a raíz dun convenio que hoxe mesmo subscribimos en Santiago de Compostela, en calidade de representantes da Fundación Eu Son, con Special Olympics Galicia. Deste xeito a Fundación Eu Son amplía o seu marco de actividades, precisamente dentro do campo do ocio, do tempo libre e do deporte, de maneira que se axuda á formación integral das persoas discapacitadas que agora mesmo participan nas actividades da Fundación Eu Son”.
González Barcia dixo que “a Fundación Eu Son ten agora mesmo dous campos, o centro de discapacitados e o centro de día, e estase traballando na posibilidade de aumentar o seu ámbito de actuación en función da carteira de servizos sociais da Xunta de Galicia. Neste senso o Concello de Burela, no pleno celebrado a finais do mes de novembro, acordou a cesión dos locais que antes tiña o Centro de Formación Ocupacional, que se trasladaron as instalacións que hai no parque de Tíjola, á Fundación Eu Son para o incremento da súa actividade”.
O alcalde de Burela engadiu que “a través do convenio que hoxe mesmo asinamos, a Fundación Eu Son queda comprometida a participar en polo menos o 70 por cento das actividades que Special Olympics Galicia organice no ámbito da nosa comunidade autónoma. De feito hai un par de semanas membros da Fundación Eu Son participaron no certame de Special Olympics España que tivo lugar na cidade de Lugo. Deste xeito, desde a propia fundación e co apoio do Concello, estamos intentando por tódolos medios potenciar e ampliar o campo de actividades e de actuación que ten a Fundación Eu Son, convencidos de que se está a facer un traballo de moito mérito en favor das persoas con discapacidade”.