Burela, 11 de decembro de 2014. O vindeiro martes, 16 de decembro, comezará a instalarse o alumeado de Nadal nas rúas de Burela, que neste 2014 contará con 36 arcos situados nos puntos propostos pola asociación de comerciantes, segundo deu a coñecer esta mañá José Casas, concelleiro de Economía, Industria e Emprego.
O edil popular explicou que “o martes da próxima semana vaise proceder ao inicio da colocación do alumeado de Nadal nas rúas de Burela. Este ano instalaranse seis arcos máis que o pasado para aumentar a iluminación. No momento en que estea rematada a colocación procederase ao seu acendido”.
José Casas indicou que “o obxectivo é dinamizar o consumo, mover a economía local e chamar ao optimismo nestas festas. Tamén queremos lembrarlle á xente o importante que é mercar no comercio do noso pobo”.
O concelleiro de Economía e Industria dixo que “o alumeado vaise colocar nos mesmos puntos que o ano pasado e en seis a maiores, a petición da asociación de comerciantes, industriais e autónomos de Burela. Haberá en total 36 arcos. O alumeado está sufragado integramente polo Concello. A árbore dos desexos págaa a Acia, a través da subvención que recibe do Concello, pero a iluminación das rúas vai con cargo a fondos propios municipais”.
O alumeado de Nadal en Burela estará acendido ata o Día de Reis.