Cervo, 6 de decembro de 2015. O BNG de Cervo fan responsábel á Consellaría de Traballo dos catro anos de sufrimento das persoas e as súa familias afectadas polo primeiro ERE de Cerámicas de Sargadelos ao non exercer con neutralidade a súa obrigada función de arbitraxe e resolución motivada no ERE. Tal como se desprende da sentenza “existian razóns tanto xurídicas como administrativas que invalidaban a aprobacion do ERE que Traballo obviou resolvendo casi de oficio no canto de facelo de forma reglada.
Para o portavoz municipal nacionalista, Xoán Antón Estúa, “desde a chegada do PP ao goberno da Xunta a actuación da Consellaría de Traballo na súa función arbitral nos conflictos laborais deixa moito que desexar e as e os traballadores non ficaron ao marxe deste criterio que omite a protección dos traballadores afectados para garantir a acción empresarial, mesmo cando estas decisións son inxustas como se acredita xudicialmente no caso de Sargadelos”.
O BNG afirma que a sentenza desmonta punto por punto os argumentos da empresa e da administración que os resolveu afirmativamente: tanto a xustificación económica “ao obviar a existencia dun grupo empresarial que vinculaba laboralmente aos traballadores que Traballo obviou afirmando na resolución do ERE que non tiña constancia documental, a pesar da existencia de ate dúas sentencias firmes que así o constatan”, como no número, designación e xustificación das postos de traballo a extinguir “que Traballo despachou como unha decisión propia da empresa en función de razóns organizativas, obviando ate tres advertencias incluídas no informe de Inspección de Traballo sobre a falta de motivación da proposta empresarial”. Estúa lembrou que todas as traballadoras e traballadores de Sargadelos saben que “a empresa fixo unha proposta inicial coa designación das persoas e postos de traballo a extinguir que foi substituída por outra que non atendía nin a criterios sociais, nin organizativos, nin tan sequera funcionais para manter a viabilidade da empresa”.
Finalmente o BNG pediu ao alcalde e membros do grupo de goberno do PP en Cervo que expliquen a xustificación que fixeron no seu momento da resolución de traballo e que lle expliquen tamén ás oito persoas despedidas a súa ausencia nas múltiples concentracións realizadas diante da empresa pedindo a reparación e xustiza que agora reciben con esta sentenza que recoñece o dereito das persoas afectadas polo ERE a reincorporarse aos seus postos de traballo, ao aboamento dos salarios deixados de percibir así como as correspondentes cotas sociais desde o momento da escisión dos seus contratos.
Xoán Antón Estúa García.