Cervo, 12 de decembro de 2015. O BNG recoñeceu que por un erro material de 24 horas non se puideron votar as propostas nacionalistas para un orzamento municipal alternativo ao do goberno local para 2015 pero isto non impide brindar ao goberno local medidas en positivo centradas en mellorar a calidade de vida da xente, impulsar o pequeno comercio ou apoiar a inserción laboral das persoas desempregadas do concello.
O portavoz municipal nacionalista, Xoán Antón Estúa, ofreceu as propostas do BNG para incrementar o gasto en materia social coa contratación dunha persoa como tecnic@ medio en axuda familiar, a posta en funcionamento do xantar sobre rodas ou o incremento do gasto en emerxencia social, aprobando regulamentos de uso do servizo para facer mais transparente a súa concesión, como medidas necesarias nun momento onde compre estar ao lado da sociedade e non para perpetuarse no goberno.
Igualmente defendeu “cambiar o excesivo gasto do grupo de goberno por incentivos de apoio ao pequeno comercio e o impulso dunha cooperativa de emprego previo estudo de nichos de mercado que identifiquen as necesidades existentes aportando desde o concello infraestruturas e medios para a inserción laboral das persoas desempregadas do concello.
Para o nacionalista “as formalidades sobre o rexistro dun documento por un erro material de 24 de horas, non impide tomarse en serio unha proposta seria e rigorosa que enfoca os problemas sociais do concello”.
O BNG criticou a presentación dunha proposta da alcaldía para reclamar da Deputación de Lugo axuda económica para substituír un campo de fútbol de herba natural por outro de herba artificial. “Cando o goberno local trouxo este tema a pleno votamos en contra porque cremos e mantemos que existen prioridades no concello moito mais urxentes, agora facémolo tamén porque non é serio que unha obra con consignación orzamentaria, adxudicada, con facturas xa pagadas e a piques de rematarse, deba subvencionarse so por satisfacer as obsesións de José Manuel Balseiro coa Deputación, afirmou Estúa.
O portavoz nacionalista “convidou a Balseiro a deixar de usar o concello de Cervo como trampolín na súa obsesión para sentarse ou sentar títeres no goberno provincial, non hai mais que ver o espectáculo lamentábel destes días entre dirixentes do partido para percibir o grao de obsesión que teñen no Partido Popular por ocupar a presidencia provincial para recuperar ou mesmo empeorar as políticas caciquís exercidas noutros tempos nesta institución.
Outro asunto tratado no pleno e aprobado por unanimidade foi aprobar inicialmente a modificación das normas subsidiarias de planeamento nos terreos que ocupan as instalacións de Alcoa. O BNG aproveito para lembra a importancia dun marco legal para lograr un abastecemento enerxético estábel, neste punto responsabilizou tanto a PSOE como PP de facer modificacións normativas que enchen de incertezas o futuro de moitas empresas do país, defendeu a recuperación eventual da tarifa G4 por ser mais estábel que o modelo actual, e instou ao PP a dar pasos no sentido de aproveitar a vantaxosa situación de Galiza como excedentaria na produción enerxética sen recibir ningunha contraprestación.