Cervo, 8 de decembro de 2014- O pleno da corporación debaterá no pleno deste venres unha proposta de alcaldía para solicitar apoio económico á Deputación para financiar as obras de mellora do campo de fútbol municipal da Veiga “na mesma medida na que o Goberno Provincial colaborou con outros concellos”.
Na exposición de motivos, a Alcaldía lembra algunhas das obras feitas e financiadas pola Deputación en instalacións deportivas de concellos da provincia. Algúns dos casos mencionados son o de Ribadeo (2,3 millóns para a reforma e ampliación do pavillón de deportes), ou máis recentemente o anuncio de instalar céspede artificial no campo de Monterroso, obra á que á Deputación destinará uns 400.000 euros e moi semellante á que executa o Concello no campo da Veiga.
Desta maneira, “visto que a Deputación colabora moi activamente cos concellos da provincia na mellora das instalacións deportivas, agardamos que tamén apoien o deporte de base no noso municipio”, asegura o edil de Deportes, Luis Guillén, que considera que todos os clubs e deportistas da provincia “deben ter as mesmas oportunidades, con instalacións de calidade que lles permitan adestrar e competir en boas condicións”.
Así, o edil de Deportes confía en que os grupos da oposición voten a favor desta proposta “en positivo”, que só busca “traballar de forma conxunta polo deporte de Cervo”.