Dende a executiva do PSdeG-PSOE de Burela aledámonos moito de que o Sr. Barcia, por fin, se dese conta de que estaban a cobrar no concello un IBI cunhas valoracións feitas en 2006, e que polo tanto non se corresponden co valor actual das fincas, son moi altas para esta época, e como consecuencia diso solicite ao Catastro unha revisión das mesmas.
Temos que lembrar que o noso grupo municipal solicitou no Concello a celebración dun Pleno extraordinario para que se demandara do catastro unha nova valoración dos bens urbanos. Neste Pleno o goberno votou en contra da nosa proposta. Tamén fixemos un acto informativo público, ao cal por certo asistiu moita xente, sobre a valoración catastral e o IBI e a influencia nos bens inmobles dos veciños e veciñas de Burela.
Celebramos, que rectifique, que Barcia se dera conta de que leva varios anos castigando aos veciños/as de Burela cun IBI inxusto, cobrando demais aos propietarios, e que agora solicite a súa revisión.
O Sr. Barcia, unha vez que se deu conta de que vai perder as próximas eleccións municipais, solicita unha valoración á baixa que entrará en vigor cando el xa non sexa alcalde.
Por último, xa podemos comprobar que o sr. Barcia non é experto en temas fiscais. A cantidade a ingresar no concello, polo IBI, depende da valoración catastral da finca, pero a valoración da vivenda habitual está exenta no imposto sobre a Renda das Persoas Físicas; non se paga máis na Renda pola máis alta valoración da mesma.
Segundo o calendario de Barcia para o 2017 pagaremos o que sería xusto polo IBI, estudará Barcia compensar aos propietarios por estes anos que nos cobrou demais?