A Asociación Cultural Os Tres Pes organiza as primeiras xornadas de historia local o vindeiro sábado 13 de decembro ás 18.30 horas na Casa da Cultura en Trabada.
Proxectaranse: o documental “A Chocolateira” tren mineiro que transcorría pola parroquia da Ría de Abres entre os anos 1903 a 1964 e a reportaxe-entrevista: “Iluminada García escolarizada en Vilapercide na posguerra” para lembrar como era a escola dos nosos avós.
A xornada ten por título “Trabada no tempo e na memoria” decidimos poñerlle este nome para enlazalo co noso último proxecto tamén denominado así, o cal consiste na recuperación de fotos antigas do noso concello.
Temos unha páxina en facebook (Trabada no Tempo e na Memoria) onde estamos publicando todas estas fotos que nos fan chegar. O proxecto está a ter moi boa acollida xa que en pouco máis dun mes superamos as trescentas fotos, algunhas delas fascinantes e ata podemos atopar algunha do século XIX por iso animamos a todos a seguir enviando fotos ou poñerse en contacto con nos para recollelas. Nun futuro temos pensado dar un paso máis co proxecto e intentar facer a publicación dun álbum e facer a proxección das fotos.