A Agrupación Cultural Francisco Lanza de Ribadeo anima a participar o vindeiro domingo, 8 de febreiro, na manifestación en defensa da nosa lingua en Santiago de Compostela ás 12.00 horas. E lembra a todas as interesadas e interesados que haberá autobuses desde A Mariña (Prezo: 3 euros adulto) e que para anotarse hai que chamar aos teléfonos: 982 581 861, 982 140 654 e 605 377 317.
Os últimos datos do Instituto Galego de Estatística mostran que o español é a lingua maioritaria nas persoas por debaixo de 50 anos. 3 de cada 4 rapaces e rapazas galegas de 5 a 14 anos (74’88%) son castelanfalantes. O 63’3% dos mozos e mozas galegas entre os 15 e 29 anos falan en castelán. De 30 a 49 anos predomina tamén o castelán (56’04%). O galego é lingua predominante entre os 50 e 64 anos e máis de 65. Estes datos reflicten un descenso do uso do galego en torno a dez puntos nos últimos dez anos.
Os datos da última enquisa do Instituto Galego de Estatística sobre a situación do galego non nos sorprenden. Reflicten a realidade. A realidade é que cada vez hai menos xente que fala galego. A realidade é que a Xunta de Galiza demostra un total desleixo e desprezo pola lingua. A realidade é que é imposíbel vivirmos en galego con normalidade.
O maior descenso de falantes do galego coincide co lustro máis agresivo e lesivo para a normalización da nosa lingua e cunha situación na que o galego, non só non conta cunha oficialidade real, senón que é a propia Xunta quen ataca a oficialidade formal que acadou.
Baixo o lema “Polas fillas dos nosos fillos”, esta manifestación foi convocada pola plataforma Queremos Galego da que forma parte a nosa asociación. Porque queremos que o galego teña futuro e que sexa a lingua dos máis novos e novas é importante acudir a Santiago de Compostela para mostrar compromiso coa lingua que nos une.
Ribadeo, 2 de febreiro de 2015.
Dores Fernández Abel, Presidenta.