O BNG de Foz consiguiu aprobar por unanimidade dos grupos políticos da corporación unha moción exixir que se garanta o acceso ás novas terapias para as persoas doentes de Hepatite C que o precisen e instar á Xunta a tomar as medidas necesarias para que a terapia cos novos fármacos para a Hepatite C se dispense nas farmacias hospitalarias a aqueles doentes a que lle for prescrita por persoal médico especialista do Servizo Galego de Saúde, de xeito inmediato.
A enfermidade hepática causada polo Virus de Hepatite C (VHC) constitúe un grave problema de saúde pública. Calcúlase, en cifras do Ministerio de Sanidade, Igualdade e Asuntos Sociais, que unhas 700.000 persoas son portadoras deste virus no conxunto do Estado español.
Na actualidade hai na Galiza unha cantidade importante de persoas enfermas diagnosticadas, en diferentes estadIos de evolución da Hepatite C, que non están sendo tratadas, e que teñen como única alternativa a vixilancia da súa evolución á espera de chegar a un estado que determinase a idoneidade dun transplante hepático. Segundo datos da Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite C cada ano morren en Galiza 300 persoas a consecuencia desta enfermidade, persoas que co tratamento salvarían a vida na súa maior parte.
O BNG lamenta que desde a Consellaría de Sanidade de Rocío Mosquera se faga oídos xordos a este drama social e non aporte unha solución inmediata que garanta a saúde destas persoas. Mesmo doentes que cumpren cos requisitos tan restritivos que se lles poñen para ter dereito ao medicamento, levan esperando por el máis de tres meses por el. “É unha grave irresponsabilidade política e humana non darlle a doentes que o necesitan unha medicación que se lles receita. E tamén, anticonstitucional”, segundo a portavoz municipal, Lorena Seivane.