Dende a executiva do PSdeG-PSOE de Burela queremos denunciar a nula capacidade que ten o equipo de “desgoberno” de Burela do Partido Popular para facer fronte ós problemas dos veciños e veciñas e imos a facelo, como fixemos sempre, con datos na man. Segundo os datos feitos públicos pola propia Xunta de Galicia, o número de parados en Burela subiu no pasado mes en 62 persoas, o incremento máis forte de todos os concellos da Mariña, incluíndo ós que teñen un maior número de poboación que Burela. Este incremento supón unha subida de máis do 7% moi lonxe da media da comarca da Mariña que anda polo 5%. Estes datos non fan máis que demostrar a falla de xestión e o abandono ó que se ven sometidos os parados de Burela por este equipo de “desgoberno” do Partido Popular.
Por se isto non fose pouco, se comparamos os datos dende que o Partido Popular se fixo cargo do goberno de Burela, aló por maio do 2011, os datos non fan máis que corroborar as nulas políticas levadas a cabo dende o “desgoberno” municipal diante do problema máis grave dos veciños e veciñas de Burela. En maio do 2011 tíñamos en Burela 661 parados, e a día de hoxe 809 o que supón un incremento dun 18% no número de parados o que demostra ben ás claras o que denunciamos.
Dende o PSdeG-PSOE de Burela por medio do seu Grupo Municipal xa reclamamos en varios Plenos do Concello que se impulsara un Plan de Emprego Municipal que puidera paliar este drama social, ó que o Partido Popular de Burela se opuxo igual que fixo con todas aquelas propostas que se lle achegan dende a oposición, demostrando así o pouco talante construtivo e de vontade de chegar a acordos que solucionen os problemas reais dos veciños e veciñas, demostrando así que este é un goberno que fai unha política que non serve para arranxar os problemas dos veciños e veciñas, un “desgoberno” esgotado.
Dende o PSdeG-PSOE de Burela esiximos ó “desgoberno” do Partido Popular de Burela que afronte os problemas máis graves da cidadanía de Burela e active un Plan de Emprego local que poida solucionar os problemas graves que están a sufrir os parados de longa duración que poida mitigar o sufrimento tanto dos afectados por esta lacra do paro como das súas familias.