VIVEIRO, 12 DE FEBREIRO DE 2015.- O secretario de Desenvolvemento Rural de UUAA Galicia –Jacobo Feijoo Lamas-, os secretarios Provincial e de Medio rural –Juan Carlos González Santín e Horacio Rouco-, e a alcaldesa de Viveiro –María Loureiro-, destacaron este xoves, na xuntanza organizada pola área que dirixe Rouco en Viveiro, a necesidade de que a Xunta de Galicia solucione os problemas que impiden a ordenación dos montes para garantir unha xestión e un aproveitamento sustentable dos mesmos. Trátase, segundo explicaron, dos deslindes e da débeda dos consorcios e dos convenios; dúas cuestións ás que o Goberno galego está obrigado a realizar por lei, pero que non está a facer nestes momentos.
Precisamente, este incumprimento nos deslindes, regulado no artigo 11.4 da Lei 13/89 que rexe tanto a propiedade como o estado legal destes espazos forestais, é o que provoca que os propietarios que queren dar un uso a estes terreos, teñen que afrontar con fondos propios este proceso na vía xudicial; un gasto que, na Mariña, pode superar os 2 millóns de euros, pois o territorio forestal abarca unhas 21.500 hectáreas, e o prezo do deslinde está fixado en 100 euros por cada unha destas unidades. Deste xeito, o municipio máis afectado, segundo datos facilitados pola propia Consellería, sería O Valadouro con 4.506 hectáreas, Ourol con 4.221, Mondoñedo con 3.462; Viveiro con 2.578; Cervo con 2.116; e Trabada con 1.814.
Para elo, consideran fundamental que o Executivo poña en marcha, en primeiro lugar, unha liña de axudas para todos aqueles propietarios de máis de 25 hectáreas que teñen que facer uns Plans de Ordenación. E é que, “este pasotismo ou falla de previsión”, explicaron, trae como consecuencia casos como o da parroquia de Viloalle (Mondoñedo), nos que os propietarios se ven absolutamente impotentes para demostrar a titularidade das mesmos, e se atopan, por exemplo, con que se queren facer algún tipo de aproveitamento como pastos ou forestal poden invadir o monte comunal, debido a que descoñecen a delimitación de onde remata a súa finca privada e de onde comeza a zona de man común, que é propiedade de todos os comuneiros que a integran. Somentes este cuestión pode supoñerlles aos propietarios enfrontarse a causas xudicias con elevados custos, que poden superar os 3.000 euros, e incluso a non poder escriturar ou vender estes bens que sempre foron da súa propiedade.
Diante a gravidade da situación, lamentaron que o Goberno galego, que é a administración coas competencias directas en Medio Rural, non contemple ningunha partida específica tal fin, pois este sector representa o 3% do PIB lucense e xera uns 15.000 postos de traballo na provincia. Precisamente, os aproveitamentos forestais son, a pesares da crise, os que teñen unha maior relevancia económica, pois a súa facturación anual na provincia é duns 280 millóns de euros. Isto evidencia, indicou Santín, que “o monte ben xestionado non só crea riqueza, senón que conserva o medio ambiente, evita os incendios e axuda a fixar poboación no rural”.
Condonación da débeda
Así mesmo, os problemas que lles está a ocasionar a Xunta ás comunidades de montes que teñen os seus terreos conveniados ou consorciados, reclamándolles a débeda polos traballos os distritos forestais realizaron en terreo comunal durante os últimos anos, foi outra das preocupacións que plantexaron os asistentes ao encontro. A este respecto, Jacobo Feijoo sinalou que esta é unha medida “inxusta”, de tal xeito, que avogou pola condonación deste descuberto, xa que, ademais de se solventar o problema, pois moitas non teñen recursos para facer os pagos, se evitaría que estas agrupacións se poidan ver obrigadas a asinar un contrato de xestión cunha empresa forestal privada a partires de agosto de 2016, tal e como recolle a lexislación vixente. “Non hai razón legais, xurídicas e técnicas para non conmutala”, argumentou o secretario de Desenvolvemento Rural, quen engadiu que a lexislación estatal si recolle esta posibilidade”. “A xestión privada dos montes, en todo caso debe de consensuarse, contar co visto bo dos comuneiros e equilibrarse cos beneficios sociais que aportan á comunidade”, sostivo.
Recuperar as políticas do bipartito
Por elo, tantos os socialistas como o responasable de UUAA defenderon a recuperación das políticas encamiñadas polo bipartito, coas que na Mariña se ordenaron 3.550 hectáreas, fronte ás 727 tramitadas do actual Goberno, e avogaron por unha ordenación do territorio rural, que debe ser consensuada no ámbito político con axentes do sector: propietarios forestais, industrias da madeira, operadores de biomasa, etc. Asimesmo, explicaron, tamén se debe avanzar no incremento da superficie de espazos forestais protexidos; en garantir a conservación dos bosques naturais e en fomentar o uso da biomasa con fins enerxéticos. En definitiva, concluiu, “trátase de promover unha xestión do monte baseada en múltiples usos máis aló da produción da madeira que os convirta ademais en xeradores de riqueza, e onde o elemento clave sexan as persoas desa comunidade”.
Estas foron a principais conclusións que se extraeron do encontro, impulsado pola executiva provincial e o sindicato agrario, e que contou cunha ampla participación dos propietarios de montes da Mariña. E é que unha incorrecta ou ausencia de ordenación destes espazos provoca “desviacións en relación coa planificación destas superficies”, entre outras cuestións porque a administración galega tampouco a acompaña da correspondente dotación orzamentaria.

















As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
O percorrido comeza nun lugar simbólico: as pontes sobre o río Sor, que unen as provincias da Coruña e Lugo e marcan un dos vértices do territorio lucense. Con esta iniciativa, Guido Guía propón unha travesía pola diversidade paisaxística, histórica e humana da provincia, destacando a riqueza dos seus espazos naturais, monumentos e comunidades.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.
A cita será o luns 19 de outubro, ás 17:30 horas, cun punto de encontro no peirao de San Cibrao. Ademais, os diferentes edificios municipais iluminaranse de cor rosa para sensibilizar á poboación sobre a importancia da detección precoz, fundamental para mellorar o prognóstico e a supervivencia das pacientes que padecen esta enfermidade.
O domingo 20 de decembro a Praza César Chavarría acollerá de 11:00 a 20:00 horas unha nova edición do Mercadiño de Nadal organizado polo Concello de Lourenzá, “unha cita para desfrutar do ambiente destas datas e compartir unha xornada especial na nosa vila”, anuncia a alcaldesa, Rocío López. O prazo de inscrición para instalar cun posto xa está aberto e a participación é totalmente gratuíta. As solicitudes poden facerse ata o 16 de decembro nas oficinas do Concello de Lourenzá ou a través do teléfono 982.121.006.
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.
No encontro, abordáronse temas como a posibilidade de colaborar na mellora da formación dos traballadores, destacando a importancia que ten ese aspecto neste sector estratéxico para Galicia. Tamén se trocaron puntos de vista relativos ás condicións laborais dos profesionais do mar.



