Elena Valle García.- Era aínda noite pecha cando 17 alumnos de 1º de Bacharelato e 3º de PDC do IES Perdouro nos subimos ao autobús que nos levaría de Burela a Santiago no que ía ser ún dos días máis especiais da nosa vida. Sete de nós gañaramos o certame “O Galego na Onda” e o premio consistía en ir á RTVG para vermos a infraestrutura técnica e participarmos no programa Galicia por diante. Como saímos cedo, ás 07.15 da mañá, íamos bastante cansos mais á vez nerviosos polo que estabamos a piques de vivir. Dúas horas e cuarto despois, por fin, chegamos. Ante nós podiamos ver os estudios da Radio Televisión de Galicia, os cales estabamos a piques de visitar. Sinceramente, non houbo maior satisfacción naquel momento: conseguíramolo. Conseguíramos estar alí despois de nove meses participando con todas as nosas ilusións nun concurso radiofónico, que acabamos facendo moi noso: neofalante, multicultural… “MODELO BURELA”.
Ubha guía levounos á sala de espera á cal axiña chegaron o alcalde de Burela e os responsábeis da produtora audiovisual, Rubén Riós e Andrés Rozados, que na primavera pasada se ocuparon de formarnos e aos que tiñamos moitas ganas de ver.
Pouco tempo despois déronnos instrucións: entrarían en antena en primeiro lugar o alcalde e o secretario xeral de Política Lingüística e seguidamente as representantes do grupo gañador (Maka Ledo, eu e Karina Parga, a nosa profesora e compañeira de todos os mércores na Radio Burela).
Durante 15 minutos estivemos vendo o funcionamento do control técnico, mentres eran entrevistadas as autoridades. Despois entramos no estudio, mandáronnos sentar xunto a Kiko Novoa e este fíxonos unha foto. Os nervios aumentaban e eu púxenme a pensar: “Que tal o farei? Estarán orgullosos meus pais, os profesores e os meus compañeiros?…”.
A entrevista, finalmente, saíu xenial. Fixéronnos varias preguntas simples e puxeron seccións do programa que presentáramos a concurso. Antes de marcharmos tivemos a oportunidade de ver os estudios radiofónicos e televisivos máis de preto.
A pesar de que nos encantaba aquel lugar, tíñamos aínda máis etapas pendentes na viaxe. En Vila de Cruces esperábanos un grande profesor, escritor, mago das letras e amigo, Séchu Sende. No instituto Marco de Camballón, o profesor e un grupo de alumnos do Clube da Lingua explicáronnos o seu funcionamento. O que máis me gustou foi unha actividade de recollida e selección de fotografías de tatuaxes, xa que mobilizaron a poboación para conseguiren máis de cen mostras eb menos dun mes. Nós contámoslles o motivo da nosa visita e ensinámoslles algúns traballos (“Panchito” e “Modelo do Século XXI”) protagonizados polo alumnado de 3º de PDC cos que acadaron o premio de Educación sen Fronteiras, nos que se mostra o que eles e elas son: unha nación formada por persoas procedentes de diversos lugares do mundo reunida en Burela, co galego como vehículo de comunicación común.
Foi unha hora sensacional que acabou ao tocar o timbre das dúas e media da tarde. Tras despedirnos de Séchu e comer, saímos cara a Gres coa intención de coñecer outro tesouro de persoa, o escritor Xosé Neira Vilas. Nunha sala da Fundación que leva o seu nome, de novo, derrubáronse as fronteiras de varios países cun único instrumento: a palabra.
Arxentina, Senegal, Cabo Verde, Marrocos, Cuba, Colombia… todos os países estaban en Gres, en Galicia, na casa dun grande, na casa de Neira Vilas.
Alí parou o tempo e só dúas cousas tiveron importancia: el e a súa historia e nós e as historias que lle queríamos contar.
Da boca daquel home, que se define como “pouco arxentino, bastante cubano e rotundamente galego”, aprendín que son galega e que tamén son un chisco de todo o que poda aprender das persoas e culturas que me rodean. Como se facía tarde -aínda queríamos visitar a ponte romana de Gres antes do retorno-, despedímonos e iniciamos unha viaxe de volta con mil e unha historias aprendidas sobre o mundo e aínda con desexo de aprender mil e unhas cantas máis.
Elena Valle García, alumna do IES Perdouro de Burela.
















Xunto a autoridades locais, destacou a importancia de preservar as tradicións e lembrou que a Deputación destinou este ano 400.000 € ao Concello para servizos básicos. A festa, creada en 1992 e impulsada pola Asociación de Amigos da Malla, busca recuperar e poñer en valor este oficio tradicional. A programación incluíu documental, obradoiros, música, exposicións de maquinaria antiga e actividades para nenos.
Ata a Cedofestiña, que tivo lugar onte no Pazo de Cedofeita, se achegaron o alcalde, Dani Vega, e a concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo. O Concello colaborou unha edición máis coas Vacas Fracas.
Con motivo desta data tan especial, o alcalde Demetrio Salgueiro, xunto ás concelleiras Tamara Soto e Mª Dolores Meitín, visitouna para felicitala persoalmente e compartir con ela unha celebración tan emotiva. O Concello destacou a alegría e o orgullo que supón chegar ao século de vida e trasladoulle os seus parabéns, desexándolle saúde, felicidade e moitos máis anos rodeada dos seus seres queridos.
A clientela aproveitou esta cita para facerse con artigos de tempada a prezos moi interesantes. É a segunda vez neste mes de agosto que se celebrou o Comercio na Rúa en Ribadeo. Para a organización desta campaña Acisa contou coa colaboración do Concello de Ribadeo, Comercio Galego e Xunta de Galicia.
Villares visitou a exposición fotográfica dedicada a Calvo-Sotelo, instalada na praza de Pancho Maseda, que forma parte do programa conmemorativo do centenario. A mostra reúne unha selección de imaxes seleccionadas pola propia familia do expresidente para achegar á cidadanía diferentes momentos da súa traxectoria persoal e política. A conmemoración, que se estende ao longo de todo 2026, busca poñer en valor a figura de Calvo-Sotelo e a súa relación con Ribadeo, onde deixou unha importante pegada vinculada, entre outras cuestións, ao impulso de infraestruturas.
Durante case dúas horas desenvolveuse unha conversa aberta arredor do mundo do espírito e do contido da obra, nun encontro ao que asistiu un grupo numeroso de persoas dispostas non só a escoitar, senón tamén a dialogar e compartir reflexións. Tras a intervención inicial de Pepe Peinó como responsable do proxecto, tomou a palabra o escritor Lionel Rexes, quen achegou novas perspectivas antes de abrir o debate ao público. As opinións, argumentos e matices sobre relixión, espiritualidade, Deus e os valores que sustentan a convivencia foron enchendo o espazo nun ambiente participativo e respectuoso, no que as diferenzas quedaron en segundo plano fronte á forza do diálogo, a solidariedade e o afecto.
O alcalde, Dani Vega, fixo un balance moi positivo: “foi un concerto moi especial nun marco espectacular, como é a igrexa parroquial de Ribadeo, e no que o gaiteiro Carlos Núñez encandilou aos asistentes co seu repertorio. Todos os asistentes disfrutámolo moito”. Xunto a Carlos Núñez estiveron o rexedor e as concelleiras de Cultura, Turismo e Seguridade, Begoña Sanjurjo, Marta Saiz e Montse Seijo.



