Lugo, 7 de abril de 2015. O delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, presentou este martes, xunto ao presidente da Asociación Provincial de Empresarios da Hostalería de Lugo, Cheché Real, a campaña promocional de achegamento da nosa cultura e dos lugares turísticos de referencia aos visitantes que se achegan á nosa provincia a través dos baixo pratos con información turística que se editan para seren distribuídos polos locais hostaleiros lucenses.
Segundo explicou Mario Outeiro, “a campaña consiste no reparto de 400.000 baixo pratos, ao longo destes meses, por toda a provincia de Lugo, entre os establecementos de hostalaría onde, unha vez máis, tamén se promocionarán as tres rutas fluviais que pon en marcha a Área de Turismo da Deputación: a dos Robles e Belesar, no río Miño, e a de Doade, no Sil, así como os museos pertencentes á Rede Museística Provincial: O Museo de Lugo, O Pazo de Tor, O Museo do Mar de San Cibrao, e o Museo Fortaleza de San Paio de Narla, entre outros puntos de interese cultural e turístico”, avanzou. Mario Outeiro lembrou que, “tanto os museos como as rutas fluviais batían os seus respectivos récords de visitantes no 2014 e todo fai indicar que no 2015 volveremos aumentar esas cifras, algo no que sen dúbida tamén axudan estes baixo pratos”, sinalou.
Así mesmo, o delegado de Cultura e Turismo destacou que “os baixo pratos proporcionan información básica moi útil para todos os turistas, de feito son moitos os que o levan para facer uso del e é moi común, tal e como se ten constatado en moitas ocasións, que o primeiro que fan os turistas antes de que os sirvan é apartar o prato para mirar no mapa onde están, cara onde van e que é o que van facer. E toda esa información baixo o epígrafe ‘E para comer… Lugo’, que amosa con estes 400.000 exemplares o mellor da nosa provincia a todos os visitantes que se pasan a comer polos centros de hostalería que forman parte da asociación provincial, a quen lle agradecemos todo o traballo que fai para atraer turistas á nosa provincia”, concluíu Mario Outeiro.
Esta é unha iniciativa que se pon en marcha por noveno ano consecutivo en vista da boa acollida tanto por parte dos hostaleiros, pola súa funcionalidade e servizo, coma polos turistas, que atopan nel a información básica para a súa viaxe e os seus días en Lugo.
Pola súa banda, Cheché Real agradeceu “o apoio continuo da Vicepresidencia Primeira da Deputación, a través da Área de Cultura e Turismo, pola difusión e o patrocinio dos diferentes actos de promoción que estamos a facer, xa que contribúen a mellorar os índices turísticos da provincia”, indicou.
Baixo pratos que traspasan fronteiras
Cheché Real engadiu que “quero significar tamén que estes baixos pratos non só se difunden na nosa provincia, senón que tamén se envían para fóra. Temos que ter en conta que un dos mercados máis interesantes, o lugar de onde recibimos máis visitas en distintas datas do ano, é Madrid e visibilizar o noso slogan nun lugar tan estratéxico convértese nunha oportunidade para dar a coñecer a provincia lucense e lograr que deixe de ser un lugar invisible máis alá das nosas fronteiras.
Do mesmo xeito, asegurou que “tamén atraemos moito visitante de Cataluña e agora estamos notando moitísimo a apertura da A-8, xa que hai un fluxo continuo de visitantes de Asturias, Cantabria e o País Vasco, igual que os galegos tamén viaxamos agora máis a estas zonas. Nós temos necesidade de que nos coñezan e seguro que cando nos coñezan, a xente repetirá. Estes actos de promoción, por moi pequenos que parezan, están dando os seus froitos, porque estamos vendo que, nos últimos dez anos, na provincia de Lugo, a pesar da crise, hai máis presenza de turismo nacional”, rematou.