Barreiros, 25 de abril de 2015.- A candidata do BNG á alcaldía de Barreiros, Ana Ermida, pon a Ribadeo, Mondoñedo e Riotorto de exemplo do que sería o Goberno municipal do Concello de Barreiros se estivese gobernado polo Bloque. O acto de presentación da candidatura nacionalista, celebrado este venres pola noite no Centro Sociocultural de San Cosme, estivo arroupado polos tres alcaldes nacionalistas da comarca, Fernando Suárez, Orlando González Cruz e Federico Gutiérrez, aos que Ana Ermida puxo de “exemplo de alcaldes ao servizo dos seus veciños e veciñas”.
“Nós queremos que o Concello de Barreiros sexa un concello da xente, das veciñas e veciños, e non de quen veu destruír o noso concello e que só querían e seguen querendo gañar cartos, sen importarlles para nada as veciñas e veciños de Barreiros. Queremos que Barreiros sexa coma Ribadeo, coma Riotorto e coma Mondoñedo, que teñen alcaldes do Bloque que defenden aos seus veciños e veciñas e gobernan ao seu servizo. Non fan coma o alcalde de Barreiros, que goberna para si e os seus amigos”, afirmou Ana Ermida.
A candidata nacionalista acusou ao actual alcalde de “non ter feito nada nestes catro anos” e de “endebedar ao Concello”. “O Concello de Barreiros é o que máis débeda por habitante ten de toda Galiza e iso non é porque se fixeran moitas cousas e haxa moitos servizos, é porque o PP gobernou para os amigos e hipotecou ao Concello para os vindeiros 20 anos”, denunciou.
“Ese é o modelo do PP. O modelo do despilfarro, do gasto do diñeiro de todos en comprar vontades por un puñado de votos, o modelo do amiguismo, o caciqueo, os asfaltados ata as portas e a 3 semanas das eleccións. Calquera persoa con un mínimo de conciencia sinte vergoña allea de ver o que se leva feito neste concello e o que se está a facer”, afirmou.
“Pero está nas mans de todas as veciñas e veciños de Barreiros que isto cambie, facer que o Concello deixe de ser a Cosa Nostra e empeze a ser cousa de todas e todos os veciños. E para que o concello cambie só se pode facer unha cousa, apoiar o cambio o día 24 de maio”, afirmou a cabeza de lista do Bloque.
Usar as institucións para atacar aos rivais políticos
Ana Ermida acusou ao alcalde de facer “política indecente e sen escrúpulos, usando as institucións para atacar aos rivais políticos”. “Usan o Concello, que pagamos todas e todos, para atacarnos porque lles molesta que denunciemos as súas políticas urbanística. Pero que saiban que non nos van calar, nin coas súas ameazas nin coa apertura de investigacións a un mes das eleccións”, anunciou a cabeza de lista do Bloque. “O BNG non ten nada que ocultar e por iso fomos nós mesmos os que decidimos facer públicas as actitudes chantaxistas e mafiosas deste alcalde e a súa pandilla, que actúan coma se de matóns se tratase”, criticou.
“Abren unha investigación, é dicir, piden información sobre unhas obras feitas hai 6 anos e denunciadas no ano 2012 nada menos que por Xabier Díaz, ese promotor imputado en múltiples casos urbanísticos, que constrúe en solo rústico, que desgracia o entorno dun edificio emblemático coma os colexios vellos de San Miguel e que destrúe un acceso aos colexios coa súa obra que despois o señor alcalde amaña con cartos de todos e todas. Ese é o amigo do alcalde e do PP de Barreiros, ao que premia con traballos varios para o Concello. E esa é a mafia urbanística que se instalou en Barreiros e que campa ás súas anchas coma se se tratara da mesma Sicilia, eses son os que marcan o ritmo deste Concello”, explicou Ana Ermida.
A lista do BNG, a mellor de cantas se presentan
Ademais da cabeza de lista tamén interviron no acto outras persoas da candidatura, como Belén Fernández Soto, mestra; Diego Vizoso, estudante e que, con 21 anos, é a persoa máis nova da candidatura; Lucía Pérez, que representando á mocidade emigrada, enviou un video desde Perú; Dámaso Ratoeira, axente forestal e activista na recuperación do Santo Estevo do Ermo; Marta Castrillón, “enfermeira por vocación e traballadora do comercio por obligación”, tal e como ela mesma se presentou e Cándido Álvarez, que expuxo a situación pola que está atravesando o sector gandeiro en xeral e o leiteiro en particular e as alternativas que podería haber.
“Presentamos un equipazo que teño a honra e a responsabilidade de encabezar, no que, como xa vístedes, dá igual comezar por diante que por detrás. No que as persoas van polo que valen e non polo que costan”, afirmou Ana Ermida, que destacou que “o Bloque é garantía de seriedade e honradez en Barreiros e de que o Concello sempre estará ao servizo de todos os veciños e veciñas e non de intereses persoais e particulares”.
Candidatura de xente moza xunto a persoas con experiencia
Os nacionalistas, que se presentan baixo a fórmula BNG-Asembleas Abertas, presentan en Barreiros unha candidatura paritaria formada por 8 homes e 8 mulleres e na que dan entrada a 10 persoas independentes, das que 9 nunca antes tomaran parte dunha lista electoral “porque cremos que a política municipal é cousa de todas e todos e non é necesario ter carnet de ningunha organización para aportar, construír e traballar polo ben común”, afirmou Ana Ermida.
Logo da actual portavoz municipal, Ana Ermida, de 31 anos e licenciada en Dereito, e do vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga, integran a lista como número 3 Montse Porteiro, diplomada en Enfermería na Unidade de Diálise do Hospital da Costa, e Dámaso Ratoeira Basanta, axente medioambiental e veciño de San Cosme, como número 4.
Como número 5 irá María Belén Fernández Soto, mestra e veciña de San Miguel, como número 6 Cándido Álvarez Veiga, gandeiro da Rilleira, e como número 7 Marta Castrillón, de 25 anos e traballadora do sector do comercio. A lista complétana Daniel García, Xoán Antonio Fernández Sante, Aurora Moreira Bermúdez, Diego Vizoso, Cristina González, Xoán Manuel Díaz Branco, Lucía Pérez García, Olga Villarino e Xesús Díaz.




















O actor e humorista continuará a súa xira pola comarca e presentará esta mesma proposta en Burela o venres 27 de marzo, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura. O monólogo combina imaxes e historias, con contidos novos e outros xa coñecidos, sempre cun humor moi persoal. A función está recomendada para maiores de 14 anos e as entradas, a 5 euros, poderán adquirirse no despacho de billetes desde unha hora antes. O evento conta coa colaboración do Concello de Burela, a Xunta de Galicia, a Agadic e a Rede Galega de Teatros e Auditorios.
A Guía Repsol destaca 24 locais galegos como Soletes de primavera para gozar nesta Semana Santa. Galicia suma xa 357 establecementos recoñecidos con este distintivo, que non se renova nin se revalida, senón que se concede como categoría única. Na provincia de Lugo figuran seis Soletes: ‘Caserío Meiroi’ (Navia de Suarna), ‘Ebos’ (Vilalba), ‘Faragullas’ (Mondoñedo), ‘La Salina’ (Sarria), ‘Ramón’ (Lugo) e ‘Trespés’ (Monforte de Lemos).
López agradeceu á Academia Galega do Audiovisual por escoller Lugo e destacou a importancia do evento para visibilizar o talento local e o apoio provincial ao sector. A gala contou cunha ampla representación lucense: Nuno Pico e Xaime Miranda polo videoclip Antes fun moi malo; Fran Fórneas e Sergio Marey por Ferido do Xoán; Sabela Ramil e Andrea Mesa por Non cho podo dar; o dúo Fillas de Cassandra; e o burelés Breixo Llano, do equipo de Cos pés na terra. Ademais, a película Sirāt, do naviego Oliver Laxe, foi unha das grandes favoritas con 14
O acto institucional, celebrado este venres, contou coa participación da directora xeral de Igualdade do Principado e coa música de Clandestías.
Habilitarase o Rego das Flores. Desde o Concello recoméndase á cidadanía ter en conta esta incidencia nos seus desprazamentos mentres se manteña a restrición.
A cita celebrarase en Burela entre os días 4 e 6 de setembro, e xa están confirmadas preto dunha ducia de actuacións, entre elas as de Arume, Depedro, Éxtasis, Gara Durán, Juventude o La Milagrosa. O Goberno galego vén cooperando cos organizadores do festival, “que alcanza a súa duodécima edición consolidado como un motor de dinamización económica y cultural para a localidade”, afirmou Arias.
Será un concerto acústico e intimista, pensado para gozar da súa música nun formato próximo. Entrada libre ata completar aforo.



